FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA O TALENTO INNOVADOR DE GALICIA NA VI EDICIÓN DOS PREMIOS SPIN-OFF PUNTOGAL
A delegada territorial da Xunta en Vigo participou hoxe na entrega dos galardóns aos proxectos máis innovadores no ámbito universitario convocados por Gciencia
Reivindicou unha vez máis á innovación como xeradora de riqueza e emprego, “un estimulo para a competitividade e a mellor garantía do crecemento económico”, dixo
Subliñou a responsabilidade social das universidades e os centros tecnolóxicos como principais fontes de coñecemento, con moi bos resultados na Comunidade autónoma
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe na entrega dos premios Spin-Off PuntoGal, convocados por GCiencia para recoñecer aos proxectos máis innovadores do ámbito universitario e empresarial.
Nesta VI edición resultaron galardoados na categoría de Idea Emerxente a spin-off Indestia, da Universidade da Coruña (UDC), destacando a idea orixinal do PhotoIlike, unha ferramenta TIC baseada na Intelixencia Artificial; Casa Grande de Xanceda na de Selo de Calidade, pola súa traxectoria de case medio século no rural galego e o seu compromiso co medio ambiente; e o Grupo SING da UVigo, liderado polo catedrático Florentino Fernández Riverola e referente no campo da investigación biomédica e a ciberseguridade, na de Grupos de Investigación. Ademais, a empresa de Diversa, posta en marcha por investigadores do IDIS de Santiago e que aposta pola comercialización de nanomedicamentos, recibiu unha distinción como finalista na primeira destas categorías.
Durante a súa intervención, a representante autonómica reivindicou unha vez máis á innovación como xeradora de riqueza e emprego, “un estimulo para a competitividade e a mellor garantía do crecemento económico”, dixo. Así mesmo, subliñou que certames como este, que premian a presenza das mulleres nas empresas e grupos de investigación, supoñen “un toque de atención” á necesidade de contar cunha maior representación do talento feminino. “Prescindir do talento feminino supón na práctica prescindir do 50% do talento do noso país”, anotou.
Segundo dixo, desde o 2014 Galicia foi escalando posicións en materia de innovación ata situarse 10 puntos por encima da media nacional, con 17.000 empregos vinculados e ocupados nun 41% por mulleres.
E neste ámbito subliñou a responsabilidade social das universidades e os centros tecnolóxicos como principais fontes de coñecemento, con moi bos resultados na Comunidade autónoma. “Un crecemento que foi posible grazas á cooperación entre todos os axentes do I+D+i co sistema empresarial”, indicou.
Xa por último, sumou a formación ao talento e o coñecemento, como peza clave do éxito da innovación galega, con medidas encamiñadas a promover a interacción e a cooperación universitaria co tecido socioeconómico do noso entorno, “convertendo o noso modelo educativo nunha referencia a nivel nacional e internacional”.