FERNÁNDEZ-TAPIAS ANUNCIA UNHA PROPOSICIÓN NON DE LEI PARA QUE A XUNTA COORDINE UN PROGRAMA CULTURAL SOBRE A FIGURA DO ESCRITOR CARLOS OROZA

A presidenta do PP de Vigo presenta a proposta do grupo parlamentario popular destinada a divulgar a vida e a obra do poeta no centenario do seu nacemento en 2023
“Estamos ante un dos grandes creadores que viviu na nosa cidade e con todo o seu nome e a súa obra aínda son grandes descoñecidos entre os galegos”, sinalou
O diputado Ovidio Rodeiro defendeu a necesidade de conmemorar o centenario mentres que Javier Romero e Antón Beiras, membros da Asociación Évame-Oroza, celebraron a iniciativa

A presidenta do PP local e candidata á Alcaldía de Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este martes que o grupo parlamentario popular presentará o próximo 21 de novembro unha Proposición non de Lei (PNL) na Cámara galega co obxectivo de solicitar á Xunta que coordine unha programación ao redor do escritor Carlos Oroza.

Nun acto celebrado na Editorial Elvira, sede provisional da Asociación Évame-Oroza, a máxima responsable do partido na cidade defendeu a necesidade de destacar a figura do poeta. “Estamos ante un dos grandes creadores que viviu na nosa cidade e con todo o seu nome e a súa obra aínda son grandes descoñecidos entre os galegos, polo que solicitamos ao Goberno galego que axude a divulgar o seu traballo”, sinalou.

Carlos Oroza (Viveiro, 1923 – Vigo, 2015) foi un poeta e creador galego que conxugou a palabra oral e a escritura coa acción poética en directo. Fernández-Tapias destacou que Oroza non tivo adscrición a ningunha corrente estética en particular e foi, en todos os sentidos, un “autodidacta que creou un universo poético propio, fortemente enraizado no substrato galego e español”.

Parlamento de Galicia

Durante o acto tamén estiveron presentes o deputado do grupo popular Ovidio Rodeiro, encargado de presentar a Proposión non de Lei no Parlamento de Galicia e dous dos membros da Asociación Évame-Oroza, Javier Romero e Antón Beiras.

Ovidio Rodeiro explicou que Oroza deuse a coñecer nos anos setenta, no ambiente literario e cultural español pola realización de múltiples recitais adscritos en forma e contido aos da xeración Beat. Así, destacou pola interpretación e performance da súa propia obra, frecuentemente reescrita e baseada en poemas de versos libres con predominio do ritmo, unha poesía elaborada para ser escoitada.

Obra reducida e significativa

Tal e como destaca a proposta parlamentaria, ao longo da súa vida, Carlos Oroza foi autor dunha obra reducida en número pero significativa en canto a contido, como “Eléncar” (1974); “Cabalum” (1980); “Alicia” (1985); “Una porción de tierra gris del norte” (1996); “En el norte hay un mar que es más alto que el cielo” (primeira edición en 1997); “La llama prestada” (1998); e “Un sentimiento ingrávido recorre el ambiente” (2006).

Tal e como lembraron Romero e Beiras, nos anos setenta, despois de residir en Madrid, Ibiza e Estados Unidos, o escritor elixiu a cidade de Vigo como a súa localidade de residencia. “A celebración do centenario do seu nacemento, o próximo ano 2023, é unha oportunidade para profundar na divulgación do traballo deste poeta e creador entre a poboación de Galicia”, apuntaron.