FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA A VIGO COMO “EPICENTRO” DA NÁUTICA NA INAUGURACIÓN DA SEMANA AZUL XACOBEA
A delegada territorial da Xunta en Vigo participou este luns na apertura das actividades que contan co apoio do Goberno galego
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este luns na inauguración das actividades da Semana Azul na súa Edición Xacobea. Acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña, e polo presidente da Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas (Ariven), Miguel Pereira, a representante autonómica cortou a cinta que daba o inicio á terceira edición do evento.
“A Semana Azul é unha forma de inmersión e achegamento á Ría de Vigo, epicentro da náutica, a través dunha oferta de actividades náuticas e deportivas que poñen en valor a nosa cidade e a nosa costa, pero tamén os valores que aporta o Camiño de Santiago”, sinalou.
Pola súa banda, Miguel Pereira anunciou que, este ano, volveuse a bater o récord cunha lista de inscricións de máis de 850 persoas e con case todas as actividades coas prazas completas. En paralelo ao programa desenvolvido de carácter xeral, deseñouse un programa de actividades gratuítas con centros educativos en horario lectivo co que logrouse alcanzar un total de 500 estudantes rexistrados de 7 centros escolares da Ría de Vigo.
Así mesmo, como parte das actividades da Semana Azul e grazas á colaboración da Escola Naval Militar, entre hoxe e mañá poderase visitar o Buque Escola “Peregrina” que estará atracado na dársena do Berbés do Porto de Vigo, en fronte do Edificio de Sesións da Autoridade Portuaria.
Pódese consultar a dispoñibilidade de prazas e acceder aos formularios de inscrición a través do blogue da páxina web de Ariven(https://www.ariven.es/blog/) ou as redes sociais da asociación, Twitter (@RiadevigoAriven) e Facebook (@ArivenRiadeVigo).