CONTENCIOSOS E MERCANTIL SERÁN OS PRIMEIROS XULGADOS QUE SE TRASLADEN Á NOVA CIDADE DE XUSTIZA DE VIGO

A delegada territorial da Xunta en Vigo acudiu este luns á nova infraestrutura xudicial xunto ao arquitecto Alfonso Penela
O vindeiro mércores, 1 de xuño, retómanse as xornadas de portas abertas despois de recibir a máis de 3.000 persoas en menos dun ano

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este luns que o Contencioso-Administrativo e o Mercantil serán os primeiros xulgados que se trasladen á nova Cidade de Xustiza. Ademais, avanzou o reinicio das xornadas de portas abertas na Cidade da Xustiza dado o interese da cidadanía por coñecer as novas infraestruturas xudiciais da cidade.

A representante autonómica pasou revista ás dependencias xunto ao arquitecto Alfonso Penela, autor da reforma do emblemático edificio vigués. Dentro do cronograma previsto para a apertura das instalacións, explicou que o ritmo de traslado á nova sede acordouse coas autoridades xudiciais e fiscais, fixando que se instalen dous órganos xudiciais cada semana.

Desta forma, os criterios para os traslado irán en función das unidades con menos público e que compartan sala de vistas. En primeiro lugar, entrarían na Cidade da Xustiza o os dous Contencioso-Administrativo xunto a Primeira Instancia 4 e reforzo de Primeira Instancia. A continuación, Social 6 e Instancia 5, e Mercantil e Penal 1. Previamente, procederase a trasladar os arquivos rodantes.

Así, a actividade xudicial verase minimamente afectada e non haberá que suspender os xuízos xa programados. A este ritmo estímase que o traslado se completará nun período de 28 semanas (6,5 meses). Para poder iniciar o traslado ao novo edificio xudicial de Vigo é imprescindible que o Concello de Vigo conceda a licenza de primeira ocupación, para o que xa se está presentando a última documentación necesaria.

“Tal e como explicaron a semana pasada os máximos representantes do Poder Xudicial, durante a visita do rei Felipe VI, estamos ante o mellor edificio da Administración de Xustiza en España, un inmoble que xa é a envexa de todo o territorio nacional e que sen dúbida é o máis importante de Galicia”, sinalou.

Macrosala, biblioteca e anexo

Durante o percorrido deste luns xunto aos arquitectos que levaron a cabo a reforma, xa se puideron coñecer a novas dotacións rematadas como a macrosala para xuizos (vestíbulo), as salas de vistas (planta 1), a biblioteca (planta 6) e as oficinas do Xulgado Mercantil (planta 18). Tamén, o edifico anexo da Cidade da Xustiza onde estarán situados o decanato e os colexios profesionais.

A nova infraestrutura, que acollerá 38 unidades xudiciais, trátase da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu máis de 42 millóns de euros e coa que está a piques de culminar o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 125 millóns.
Unha vez posta en marcha, a Cidade da Xustiza unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados as unidades xudiciais xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga).

En total, trasladaranse máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza, que terán á súa disposición unha escola infantil de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar.

Xornada de portas abertas

Fernández-Tapias avanzou tamén que as visitas guiadas á Cidade da Xustiza volverán este mércores, 1 de xuño,  en tres quendas diarias (16:30, 17:30 e 18:30 horas) previa solicitude de cita no teléfono 986817797.

Ademais, sinalou que desde que se puxo en marcha esta iniciativa, alá polo mes de xullo de 2021, xa foron máis de 3.000 persoas as que participaron nas xornadas de portas abertas.