FERNÁNDEZ-TAPIAS CLAUSURA AS XORNADAS DE DISCAPACIDADE ORGANIZADAS CONXUNTAMENTE POLO COLEXIO DE AVOGADOS DE VIGO E A FISCALÍA DA ÁREA

A delegada territorial da Xunta en Vigo destacou o esforzo da Administración autonómica “para ofrecer máis oportunidades ás persoas con discapacidade con medidas que contribuíron á verdadeira inclusión de este colectivo na sociedade”
No foro participaron poñentes das distintas profesións que interveñen directamente na aplicación da nova lei que promove o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, clausurou hoxe as xornadas de discapacidade organizadas conxuntamente polo Colexio de Avogados de Vigo e a Fiscalía da área.
Un foro no que participaron poñentes das distintas profesións que interveñen directamente na aplicación da nova lei que promove o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, celebrado no salón de actos da Delegación Territorial.

Na súa intervención, a representante autonómica destacou que unha das realidades que pon de manifesto a nova norma é que “as persoas con discapacidade non necesitan que se tomen decisións por elas, senón que alguén lles axude a tomalas, tendo en conta a súa personalidade e preferencias, aquilo que lles gusta e o que non”.

Neste mesmo sentido, referiuse ao esforzo realizado nos últimos anos polo Goberno galego “para ofrecer máis oportunidades ás persoas con discapacidade con medidas que contribuíron a unha verdadeira inclusión deste colectivo na sociedade”.

Segundo sinalou, “é labor da Administración pública dotar ás persoas con discapacidade cada día de máis ferramentas para incrementar a súa autonomía e mellorar a súa calidade de vida, pero é responsabilidade de todos eliminar as barreiras ás que se enfrontan, e non só as arquitectónicas”. Na súa opinión, “o noso compromiso, pero tamén o de todos os que integramos esta sociedade, é recoñecer que existen persoas con necesidades, pero tamén con dereitos”.

“Nesta misión compartida, vostedes teñen un papel fundamental e insubstituíble”, concluíu dirixíndose aos participantes nestas xornadas, que serviron para despexar as dúbidas xurdidas no marco dunha lei, en vigor desde o pasado 3 de setembro, que implica un cambio de calado no ordenamento xurídico español.