FERNÁNDEZ-TAPIAS AVANZA A CONSTRUCIÓN DE ASEOS PÚBLICOS E UNHA CAFETERÍA NA ETEA DENTRO DO PLAN DE ACCIÓN 2022-25 QUE APROBARÁ MAÑÁ A XUNTA CUN INVESTIMENTO TOTAL DE 49 MILLÓNS
A delegada territorial explicou o acordo que aprobará mañá o Consello da Xunta para o desenvolvemento do ámbito a través de catro consellerías
Os servicios demandados pola veciñanza, como os aseos públicos e o arranxo do campo de baloncesto, serán solucionados de forma inminente
O mantemento, limpeza e xardinaría das parcelas PS-1, PS-5 e PS-6 quedarán incorporados aos contratos centralizados da Xunta a partir do 1 de xaneiro
Novo centro de transformación, posto de vixilancia e alumeado tamén están incluídos nos plan do Goberno galego
“Seguimos esperando que o Concello poña os terreos do PS-1 a nosa disposición para poder investir 12,5 millóns na urbanización de viais e espazos libres”
A construcción da residencia de maiores, por valor de 12 millóns, está paralizada á espera de que se proceda a urbanizar a zona e dotar de servizos e conexións
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este mércores o Plan de Acción 2022-25 que aprobará este xoves o Consello da Xunta para o desenvolvemento do ámbito da ETEA. A planificación é o resultado dos estudos previos e as xuntanzas con colectivos veciñais para promover a zona e poñer en valor un espazo orientado á cidadanía como lugar de ocio.
Segundo explicou a representante autonómica, o plan supón un investimento total de 49,1 millóns de euros, despois de que a Xunta xa executase nos últimos anos 21 millóns e teña previsto coa nova planificación outros 21 millóns. Fernández-Tapias amosou o “compromiso firme” do Goberno galego para recuperar un lugar emblemático do barrio vigués de Teis. “É necesario actuar e o que queremos é executar e desenvolver o ámbito en beneficio dos cidadáns de Vigo”, indicou.
Así, indicou que xa está adxudicado o contrato para reparar o campo de baloncesto e que o vello edificio que ocupa os antigos vestiarios serán reconvertidos en aseos públicos (48.000 euros). O inmoble situado entre ambas instalacións (antiga panadería) servirá como nova cafetería (330.253 euros), para o que xa está contratado e a punto de concluír o estudio de viabilidade que permitirá a súa posta en funcionamento.
Mantemento e limpeza
Por outra banda, a delegada informou de que o mantemento de todas as instalacións da ETEA, a limpeza e a xardinaría (461.063 euros en tres anos) dos ámbitos PS-1, PS-5 e PS-6 quedarán incorporados aos contratos centralizados da Xunta a partir do 1 de xaneiro de 2023. Ademais, o Administración autonómica continuará asumindo os servizos de vixilancia e seguridade (600.919 euros ata 2025). Tamén estuda unha solución para o posto de vixilancia, ben a través do alugueiro dunha caseta prefabricada ou habilitando un espazo nos edificios.
Centro de transformación e alumeado
A Xunta tamén construirá un novo centro de transformación (37.045 euros) que permitirá o subministro eléctrico a todo o recinto e individualizar os consumos aos diferentes propietarios. Relacionado directamente, está previsto levar a cabo unha obra de baixa tensión (60.125 euros) para dar luz aos edificios e faroles do PS-1.
Urbanización e residencia de maiores
Por último, Fernández-Tapias destacou que existe un orzamento de 14,8 millóns de euros para a urbanización do PS-1 e a conexión coa Avenida de Galicia. “Seguimos esperando que o Concello poña os terreos do PS-1 a nosa disposición para poder levar a cabo a urbanización de viais e espazos libres”, sinalou.
Tal e como destacou, esta obra é imprescindible para a construcción da residencia de maiores por parte da Fundación Amancio Ortega, cun investimento de 12 millóns, posto que a día de hoxe está paralizada pola falta de conexións e servizos desde o PS-1.
O desenvolvemento do Plan de Acción 2022-25 na ETEA implica directamente á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, á Consellería de Facenda e Administracións Públicas, á Conselería de Infraestructuras e Mobilidade e á Consellería de Política Social e Xuventude.
