Ana Ortiz vincula o III Gastro Movida Summit coa promoción do turismo e do Camiño da Costa

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, participou este martes na segunda xornada do evento que converte a Vigo en capital da gastronomía

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este martes na segunda xornada do evento III Gastro Movida Summit 2024 que converte a Vigo na capital da gastronomía durante tres días coa participación de chefs e sumilleres de primeiro orde no panorama nacional. Así, durante a súa intervención a representante autonómica vinculou a inciativa coa promoción do turismo gastronómico e o auxe do Camiño Portugués da Costa.

“Temos todo, os mellores productos e os mellores chefs para promover un turismo gastronómico que pode beneficiarse da chegada de miles de peregrinos estranxeiros a través do Camiño”, sinalou. Ana Ortiz estivo acompañada durante a presentación da vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, ademais de algúns dos mellores cociñeiros galegos, como Rafa Centeno e Pepe Solla, e representantes e alumnado do CIFP Manuel Antonio e da escola Harina Blanca, entre outros.

Pola súa banda, Luisa Sánchez destacou que “a gastronomía de Vigo chega cada vez a máis recunchos do mundo, e non hai persoa que a probe que non teña ganas de volver desfrutar dela. Por iso temos que comezar a presumir do que temos aquí, que non é senón unha industria gastronómica cun potencial enorme».

Gastro Movida Summit contará con 24 accións, showcookings, obradoiros de coctelería, competición de startups e máis de 80 relatores, entre os que destacan 5 chefs Estrela Michelín como Pepe Solla, de Casa Solla; Rafa Centeno, de Maruja Limón; Alberto G. Preclic, de Silabario, e Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes, de Ceibe.

Tamén asistirán sumilleres de primeiro orde no panorama nacional como Tomás Ucha, de DiverXo (3 Estrellas Michelín); Ebelia Mora, de Pepe Vieira (2 Estrellas Michelín), Esther Daporta, de Yayo Daporta (1 Estrella Michelín), Estefanía Rodríguez Alves, de Culuca; ou Carlos Taboada, de Hotel Santo Mauro Madrid.