A Xunta recibe máis de 70 solicitudes para o futuro Centro de Asociacionismo na rúa Lalín de Vigo

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, avanza que as obras no vello edificio dos xulgados comezarán nos primeiros meses do vindeiro ano
“Ofrecemos novas dotacións e servizos á poboación do barrio e renovamos as infraestruturas para manter a actividade económica en toda a contorna”, destaca

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, avanzou este luns que o futuro Centro de Asociacionismo de Vigo, situado no antigo edificio dos xulgados na rúa Lalín, xa conta con máis de 70 solicitudes de colectivos para instalarse no edificio que vai ser obxecto dunha rehabilitación integral e que permitirá dotar dun cento de espazos para a ocupación temporal por parte de entidades sociais da cidade.

“Con este proxecto ofrecemos novas dotacións e servizos á poboación do barrio e renovamos as infraestruturas, tamén co Centro de Saúde Olimpia Valencia no edifico da Audiencia, para manter a actividade económica en toda a área da rúa Coruña e praza de América”, apuntou a representante autonómica.

O Consello da Xunta aprobou o pasado mes de agosto a licitación por 19,4 millóns de euros presentado a comezos de ano polo arquitecto Alfonso Penela, gañador do concurso de ideas convocado pola Xunta a finais de 2022. Prevese que as obras comecen nos primeiros meses do vindeiro ano e que se prolonguen un máximo de 16 meses. O financiamento da actuación enmárcase no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder Galicia 2021-2027).

O proxecto inclúe, entre outras actuacións, melloras na envolvente térmica da fachada, no sistema de climatización, na iluminación, na cuberta ou no abastecemento. Tamén se facilitará a accesibilidade e a integración na contorna mediante a retirada do aparcamento exterior e a rebaixa do terreo para que quede en continuidade coa planta baixa.

A representante autonómica tamén explicou que se habilitarán locais na planta baixa e na primeira e quinta do edificio e a súa cesión a asociacións da cidade. Os traballos poderían estenderse a outras tres plantas -os 2 sotos e o semisoto- que se destinaban a aparcamento e zona de arquivos, polo que poderían habilitarse unhas 134 dependencias.