ANA ORTIZ SUPERVISA O INICIO DE VACINACIÓN INTRANASAL DE MÁIS DE 3.100 RAPACES DE 3 A 11 ANOS NA ÁREA DE VIGO
A delegada territorial da Xunta visitou o CRA Raiña Aragonta de Salceda de Caselas para compartir cos alumnos e profesores a experiencia desta campaña pioneira
Arranca un proxecto piloto para inmunizar a 19.000 alumnos de Infantil e Primaria de 55 colexios de toda Galicia
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz,supervisou este mércores no CRA Raiña Aragonta de Salceda de Caselas a posta en marcha dun programa piloto de vacinación infantil contra a gripe por vía intranasal nos colexios co que o Executivo autonómico busca chegar a 19.000 rapaces de entre 3 e 11 anos, 3.133 na área viguesa.
Segundo explicou a representante autonómica, trátase dun programa pioneiro que permitirá que, de xeito voluntario, os alumnos de Infantil e Primaria de 55 colexios de Galicia (oito na área territorial de Vigo) poidan ser vacinados contra a gripe nos seus propios centros por persoal de enfermería das áreas sanitarias.
A Consellería de Sanidade opta pola vacinación vía intranasal que evita pinchazos e ten o obxectivo de acadar unha cobertura do 70% entre os rapaces nados entre 2014 e 2022 que estean matriculados nos centros que participan no proxecto piloto.
Nos colexios seleccionados, a vacinación ofrécese de forma voluntaria ao alumnado. A meta é acadar unha cobertura do 70 % entre os nenos e nenas nados entre 2014 e 2022, matriculados nestes centros. En función dos resultados obtidos, a Xunta valorará ampliar o proxecto ao resto dos centros escolares en próximas campañas.
Tal e como se explicou nas reunións informativas celebradas con anterioridade, a vacinación está sendo administrada por equipos de enfermaría das áreas sanitarias, que se están a desprazar aos colexios participantes. Utilizase a vacina intranasal, que destaca pola súa facilidade de aplicación e maior aceptación entre a poboación infantil, ao non requirir inxección.
As familias teñen que asinar un consentimento informado que autorice a vacinación do seu fillo ou filla e entregalo no propio centro educativo. Antes da inmunización, os profesionais sanitarios revisarán a historia clínica dos menores para garantir que cumpren os requisitos médicos necesarios para recibir a vacina.
Na área sanitaria de Vigo os colexios escollidos son: CRA María Zambrano (O Rosal); CPR Plurilingüe Lar (Mos); CRA Raíña Aragonta (Salceda de Caselas); CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño); e CEIP Plurilingüe García Barbón, CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, CPR Plurilingüe Santiago Apóstol e EEI Vila Laura (Vigo).


