ANA ORTIZ SALIENTA O CRECEMENTO DO FESTIVAL WAKE UP! NO SEU REGRESO AO IFEVI, CON SESIÓN DOBLE, PARA CONVERTER A VIGO EN EPICENTRO DO TECHNO INTERNACIONAL
A delegada territorial da Xunta en Vigo presentou o evento que se celebrará o vindeiro 31 de outubro e 1 de novembro no Pavillón 3 do Instituto Feiral de Vigo
Richie Hawtin, unha das figuras máis influintes da historia do techno, e Jeff Mills, lenda da electrónica de Detroit, serán os grandes atractivos do festival
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, presentou este mércores o Wake UP! Festival que se celebrará o vindeiro venres, 31 de outubro, e sábado, 1 de novembro, no Pavillón 3 do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi). Na súa comparecencia, acompañada por José Patiño, director de Wake Up! Electronic Parties, a representante autonómica destacou o regreso da cita musical que converte a Vigo en epicentro do techno internacional.
Ortiz destacou a implicación do Goberno galego para apoiar eventos musicais de todos os estilos nun recinto ideal .”O Ifevi conta cunhas instalacións perfectas para poder acoller este tipo de festivais”, sinalou. Segundo explicaron os organizadores, o evento reunirá durante dúas noites a algúns dos nomes máis relevantes da electrónica global, cun cartel de primeiro nivel e unha produción a gran escala que promete superar todas as expectativas.
O primeiro día, a cita arrincará ás 19:00 horas e estenderase ata as 06:00 do día seguinte, con actuacións de artistas como ANNĒ, Elli Acúa, Fatima Hajj, Ron Bacardi e os residentes Isma B e Mury. A grande atracción da noite será a presenza de Richie Hawtin, unha das figuras máis influentes da historia do techno. Innovador, minimalista e visionario, foi unha forza motriz do xénero desde os anos 90, liderando tanto en cabina como nos avances tecnolóxicos aplicados á música electrónica.
A segunda xornada, que comezará ás 18:00 e culminará tamén ás 06:00, reunirá a Aerea, Ben Sims, Héctor Oaks, Len Faki, Überkikz e os residentes Grobas e Karras Martínez. Con todo, o gran protagonista será Jeff Mills, lenda indiscutible do techno de Detroit e cofundador do mítico colectivo Underground Resistance. Coñecido pola súa precisión milimétrica aos pratos e a súa capacidade para crear narrativas sonoras únicas, Mills transcende o musical e posiciónase como unha icona cultural da electrónica mundial.
José Patiño destacou que o festival Wake Up! consolida así a súa aposta por traer a Galicia o mellor do panorama techno internacional, ofrecendo ao público local e visitante “unha experiencia inmersiva, con son de alta fidelidade, visuais envolventes e un ambiente vibrante. Dúas noites para a historia nas que Vigo colocarase no mapa global do clubbing”.
