ANA ORTIZ SALIENTA QUE A XUNTA “DÁ UN PASO ADIANTE” NO MERCADO LABORAL E BUSCA SOLUCIÓNS A TRAVÉS DO DIÁLOGO SOCIAL COMO “FERRAMENTA CLAVE”

A delegada territorial do Goberno galego en Vigo participou na clausura do encontro sobre absentismo laboral celebrado no Círculo de Empresarios

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este mércores na clausura do encontro empresarial “Absentismo en transformación” celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia. A representante autonómica destacou que Galicia “dá un paso adiante e lidera a procura de solucións a través da política con maiúsculas” e o Diálogo Social como “ferramenta clave”.

Ortiz pechou a xornada na que se analizou o absentismo laboral como unha das grandes preocupacións no ámbito empresarial e da administración pública. “Como anunciou o presidente Alfonso Rueda, acabamos de aprobar o decreto que institucionaliza o Diálogo Social como o marco para os retos do mercado laboral”, sinalou.

No encontro, organizado pola empresa Manpowergroup, abordáronse as principais tendencias que están a redefinir a relación entre persoas e organizacións, así como as claves para anticipar e xestionar fenómenos como o absentismo e a rotación. A través da visión de persoas expertas e directivas, analizáronse os factores que inflúen no compromiso, na produtividade e no benestar nas empresas.

Ademais, exploráronse ferramentas como a intelixencia artificial e a neurociencia para mostrar a súa maneira de permitir avanzar desde un enfoque reactivo cara a modelos preditivos e preventivos, capaces de identificar riscos e xerar contornas laborais máis sostibles e conectadas.

Ana Ortiz, apuntou que “grazas ao novo decreto regularemos por fin este espazo onde o Goberno galego traballará man a man cos sindicatos” e apuntou que “quero ser clara, o noso obxectivo non é cuestionar as baixas, que son un dereito lexítimo”.