ANA ORTIZ SALIENTA O TRABALLO DA FUNDACIÓN IGUALARTE COAS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL EN VIGO
A delegada territorial da Xunta mantivo un encontro no que os responsables do colectivo informaron sobre o seu proxecto para crear unha escola artística destinada a persoas con diversidade funcional
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a xefa territorial de Política Social, Ángeles Rouco, mantiveron este luns unha xuntanza cos responsables do centro ocupacional da Fundación Igualarte nas instalacións que o colectivo xestiona na rúa Palencia da cidade.
Ana Ortiz destacou o labor que realiza Igualarte no ámbito da atención á discapacidade para “mellorar o benestar e a calidade de vida” deste colectivo, xa que lles “axudan a desenvolver ao cen por cen” as súas habilidades e capacidades.
Durante a xuntanza, os responsables da fundación, entre os que se atopaba a presidenta, Cristina Lago, trasladaron á delegada e á xefa territorial a intención de poñer en marcha o seu proxecto para crear unha escola artística destinada a persoas con diversidade funcional
O centro ocupacional de Igualarte oferta desde o ano 2021 novas prazas financiadas pola Xunta, ata chegar a un total de 19 prazas subvencionadas nestas instalacións e que supoñen un investimento de máis de 120.000 euros ao ano.