ANA ORTIZ SALIENTA O LABOR DA XUNTA EN FAVOR DO COMERCIO LOCAL DURANTE A ENTREGA DOS PREMIOS DE AETRAVI POLO DÍA DO PAI

A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, fixo un percorrido polos establecementos do barrio das Travesas que participaron na campaña de Aetravi

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, destacou este xoves o labor do Goberno galego co comercio local durante a entrega dos premios correspondentes á campaña “Día do Pai 2024” da man do Centro Comercial Aberto As Travesas (Aetravi).

A representante autonómica sinalou que a través desta inicativa, os responsables de Aetravi, deron visibilidade a área comercial de toda a contorna, un espazo aberto no barrio vigués. A campaña, que se celebrou entre o 6 o 19 de marzo, tivo como obxectivo estimular as compras directas nos establecementos asociados.

Tras a entrega dos premios aos gañadores, Ana Ortiz fixo un percorrido por varios dos establecementos que participaron na campaña e salientou que a iniciativa “incentivou o consumo no comercio local dunha das zonas con máis actividade da cidade”.

Os clientes que fixeron compras superiores aos 30 euros nos locais da asociación participaron no sorteo de dúas experiencias Circuito SPA (habitación dobre + almorzo) no Hotel Nagari e dúas ceas gourmet no estalbecemento El Palacio de la Oliva.