ANA ORTIZ ANIMA AO ALUMNADO DO OBRADOIRO DUAL VIGO CAPACITA IX, NO QUE A XUNTA INVISTE 531.000 EUROS, A “APROVEITAR A OPORTUNIDADE DUNHA FORMACIÓN ESPECIALIZADA”
A delegada territorial da Xunta visitou aos participantes desta iniciativa laboral na que un total de 20 vigueses recibien formación nas especialidades de cociña e servizo de restauración
Destacou o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego e un tipo de cualificación orientada a cubrir as demandas reais das empresas da contorna
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este mércores o obradoiro de emprego de formato dual Vigo Capacita IX, no que se ofrece formación e traballo a 20 persoas desempregadas durante doce meses, e que conta cun investimento de 531.046 euros por parte da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade.
Durante a visita ao Centro Veciñal e Cultural de Valadares, onde se leva a cabo o curso, a representante autonómica destacou o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego e un tipo de formación de calidade, enfocada a cubrir as demandas reais das empresas do entorno.
No caso concreto de Vigo Capacita IX, os participantes reciben desde novembro de 2023 a novembro de 2024 formación nas especialidades de cociña e servizos de restauración, elaborando menús para o comedor social “La Sal de la Tierra”, para actos organizados pola Fundación Érguete-Integración ou o propio Centro Veciñal e Cultural de Valadares, entre outras actividades que inclúen almorzos saudables, degustacións e difusión de receitas nas redes sociais.
“Aproveitade esta oportunidade porque o voso é un dos perfís de maior demanda e de máis difícil cobertura en Galicia, abríndoos así un amplo abano de posibilidades, trátase dunha gran ocasión para recibir formación especializada”, sinalou Ortiz.
Ademais do obradoiro adicado a Vigo, a delegada indicou que xa está en marcha unha nova achega de 531.046,20 euros para a segunda edición do obradoiro Coidando o Miñor III, concedidos a través da Mancomunidade do Val Miñor, e outros 265.523,10 euros para o III Obradoiro Forestal Montes de Vigo, a través da Mancomunidade de Montes.
Ademais, Mos promove a iniciativa Queda en Mos; Salceda de Caselas conta co curso Reformas e Melloras de Centros Formativos e Cívicos 2023; Salvaterra de Miño ten o Salvaterra Emprega III; Cangas puxo en marcha Granxa da Rúa XII; Redondela a cuarta edición do Redondela Máis que Bela IV; O Porriño desenvolve o obradoiro Porremprego Cualifica II, e Moaña o taller Labora VII.