ANA ORTIZ PIDE AO CONCELLO DE VIGO QUE RECLAME OS INFORMES DE AVIACIÓN CIVIL E TELECOMUNIACIÓNS AO GOBERNO CENTRAL PARA AVANZAR NA TRAMITACIÓN DO PXOM
A delegada territorial da Xunta solicita ao Goberno municipal que esixa as autorizacións que aínda están pendentes
“A día de hoxe non temos os informes necesarios do Goberno para que a Xunta de Galicia tramite o documento urbanístico”, sinalou
Lembra tamén que Patrimonio agarda resposta ao seu requirimento pese a que o Concello asegurou que resolvería os erros en “cinco minutos”
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, solicitou este mércores ao Concello de Vigo que reclame de novo os informes de Aviación Civil e Telecomunicacións ao Goberno central para poder aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así o fixo a representante autonómica durante unha comparecencia pública tras ser preguntada polo estado da tramitación do documento urbanístico.
“O Goberno galego comprometeuse a acelerar ao máximo os prazos de aprobación do PXOM, pero a día de hoxe depende da vontade do Concello de Vigo para reclamar ao Goberno central dous informes imprescindibles”, sinalou a delegada.
Así, Ortiz mencionou a necesidade de que o Goberno local esixa “coa maior axilidade” os requisitos que marca a lei. “A Xunta non pode avanzar sen contar coas autorizacións de Aviación e Telecomunicacións, polo que urxe que o Concello reciba o visto e prace desde Madrid”, indicou.
Da mesma forma, a delegada territorial incidiu en que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tampouco recibiu resposta ao seu requirimento enviado a finais de febreiro. “Tras a reunión celebrada o pasado 4 de marzo, o Concello respondeu que resolvería os erros en cinco minutos, pero pasaron xa dúas semanas e seguimos agardando”, puntualizou.
Ademais, incidiu en que a Xunta de Galicia comprometeuse a acurtar os prazos para que o Concello poida aprobar o seu PXOM e que “dende o primeiro momento, fixo un esforzo continuado no tempo” para que Vigo conte cunha ordenación urbanística que cumpra coas necesidades da cidade e que permita o seu desenvolvemento.
“Polo ben de todos os vigueses necesitamos un plan urbanístico legalizable e axustado á lei para que non o volvan a impugnar os tribunais”, engadiu Ana Ortiz.
