Ana Ortiz destaca o proxecto LabMAR como “iniciativa módelica” para a protección do ecosistema do Parque Nacional das Illas Atlánticas
A delegada territorial da Xunta en Vigo participou este mércores na presentación da iniciativa de Fundamar, Amicos e Federación Nacional de Cofradías de Pesca para impulsar a economía azul e reducir a contaminación mariña
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este mércores na presentación do proxecto Labmar impulsado pola Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar), a Asociación Amicos e a Federación Nacional de Cofradías co obxectivo de crear un laboratorio participativo destinado á prevención e valorización de basuras mariñas.
Durante o acto celebrado na sede do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, a representante autonómica destacou a iniciativa como unha “iniciativa modélica” para a protección do ecosistema do arquipiélago. “É o noso deber protexer e conservar as nosas illas e aquí temos as mellores ferramentas e os actores idóneos para lograr ese obxectivo”, sinalou.
Segundo explicaron os responsables da iniciativa, a área xeográfica do proxecto contemplará as rexións de Galicia e Andalucía, máis concretamente, nas zonas de medio mariño correspondentes ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o Parque Natural de Corrubedo, o Complexo Intermareal do Grove, o Parque Nacional de Doñana, as marismas de Odiel, as lagoas de Palos e as Madres, as marismas do Río Piedras e o Rompido, os Enebrales de Punta Umbría e as marismas de Isla Cristina.
Durante os 18 meses que durará o proxecto, buscarase non só reducir os residuos mariños, senón tamén fomentar a colaboración entre o sector pesqueiro e marisqueiro e outros sectores empresariais e sociais, impulsar a innovación e a creación de emprego inclusivo e contribuír ao desenvolvemento dunha economía circular e azul.
A activista e axente medioambiental de Amicos, Adriana Miguéns, foi a encargada de presentar o proxecto, así como os obxectivos e primeiros pasos que se están a realizar ao abeiro do programa. A través da súa experiencia, transladáronlle aos asistentes un breve resumo do que se espera conseguir no marco da iniciativa.
A continuación, o presidente de Fundamar, Javier Touza, foi o encargado de abrir as intervencións dos socios do proxecto. Touza falou da importancia da concienciación e a transformación como piares claves para o desenvolvemento socioeconómico da pesca e o marisqueo. Pola súa banda, o director de Proxectos e Innovación da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Fabián Ben, e a técnica Elsa Picón destacaron o papel das confradías no proxecto; aos que seguiu o responsable de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Miguel Beiro, que se referiu á inclusión como eixe transversal de Lab-Mar. Un traballo conxunto para protexer e conservar os ecosistemas mariños de Galicia e Andalucía, co obxectivo de asegurar a provisión dos servizos ecosistémicos, impulsar a economía azul e reducir a contaminación mariña.