ANA ORTIZ DESTACA A EFICIENCIA DO BONO REMUDA QUE ACHEGOU MÁIS DE 200.000€ A QUINCE NEGOCIOS EN VIGO PARA GARANTIR A SÚA CONTINUIDADE

A delegada da Xunta visitou este luns o establecemento Quo Vadis, un dos beneficiarios das axudas para facilitar o traspaso de negocios autónomos
O Bono Remuda (1,5M€) ofrece apoio tanto a que asume o relevo da empresa como a quen traspasa o negocio por xubilación

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o establecemento Quo Vadis, situado na rúa Areal da cidade, un dos negocios beneficiarios do Bono Remuda, iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para facilitar o relevo xeracional de autónomos.

A representante autonómica destacou que o programa xa beneficiou a unha quincena de empresas na cidade cunha achega total de 212.374,5 euros. As solicitudes para esta convocatoria única para persoas traballadoras autónomas poden presentarse ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito (1,5M€).

Para fomentar a transmisión de negocios que son viables economicamente, o Goberno galego incrementou este ano o orzamento do programa nun 20 %, ata alcanzar os 1,5 millóns de euros. “O Bono Remuda destaca pola súa eficiencia para facilitar a continuidade dos pequenos negocios e as iniciativas dos emprendedores”, sinalou Ortiz.

A iniciativa conta con dúas liñas: o Bono Remuda Rural, para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes; e o Bono Remuda Xeral, para os municipios con máis poboación. No primeiro subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de relevo; e no segundo o 70%. A contía máxima da axuda con carácter xeral será de 30.000 euros,  coas excepcións recollidas na convocatoria.

O Bono Remuda está incluído nunha orde única para persoas autónomas, que abrangue cinco programas. Este ano inclúe novidades na medida de promoción do emprego autónomo (28,9 M€), ao ampliarse a dous anos a cobertura da cota cero aos traballadores que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría ou silvicultura, fronte aos 12 meses da liña xeral.

A convocatoria contén tamén o Bono Nova Oportunidade (1,5 M€), para retornar ao autoemprego; o Bono Autónomo (8 M€), axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos; e incentivos á conciliación familiar (750.000 €).