Ana Ortiz anima aos vigueses a participar na campaña de farmacovixilancia para mellorar a seguridade dos medicamentos

A delegada da Xunta presentou xunto á subdirectora xeral de Farmacia a iniciativa do Goberno galego para informar do método de notificación e dos seus beneficios
Os Orzamentos da Xunta de 2025 consignan preto de 885 millóns de euros a blindar o acceso da cidadanía galega aos medicamentos a través de receita

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, animou este venres aos vigueses a participar na campaña de farmacovixilancia posta en marcha polo Goberno galego para mellorar a seguridade dos medicamentos. A representante autonómica presentou a iniciativa xunto a subdirectora xeral de Farmacia, Silvia Reboredo; o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e o vicepresidente do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Ignacio Otaegui.

“Con esta iniciativa, o Centro de Farmacovixilancia do Servizo Galego de Saúde busca implicar á cidadanía e aos profesionais sanitarios na mellora da seguridade dos medicamentos, polo que quero facer un chamamento á colaboración cidadá”, apuntou Ana Ortiz.

No acto celebrado na Farmacia Enrique Álvarez, foi presentado un vídeo informativo da campaña á que agora se suman as oficinas de farmacia e que inclúe unha infografía cos pasos a dar para a notificación de reaccións adversas dos medicamentos. Deste xeito, o Servizo Galego de Saúde busca fomentar a colaboración da poboación na notificación de posibles efectos adversos nos medicamentos, ademais de mellorar a calidade das notificacións que recibe a Administración sobre os fármacos.

A delegada sinalou que nesta campaña os farmacéuticos comunitarios colaboran como profesionais sanitarios corresponsables da educación sanitaria da poboación e do seguimento da seguridade dos medicamentos. Isto permite que os pacientes reciban formación sobre temas de saúde e proporciónalles máis capacidade para resolvelos por eles mesmos, de tal xeito que se fomenta a participación efectiva da cidadanía no sistema sanitario e coa súa saúde.

Ademais, reiterou o compromiso da Xunta cunha prestación farmacéutica completa e de calidade. Este compromiso vese reflectido no fomento de campañas como a presentada hoxe, pero tamén no importante volume de recursos que a Xunta destina a facilitar o acceso dos galegos aos medicamentos a través da receita médica. Así, destacou que os Orzamentos da Xunta de 2025 consignan preto de 885 millóns de euros a blindar o acceso da cidadanía galega aos medicamentos a través de receita.

Uso de medicamentos autorizados

As principais funcións da farmacovixilancia son identificar, cuantificar, avaliar e previr os riscos derivados do uso dos medicamentos autorizados, sendo o seu principal obxectivo detectar reaccións adversas e interaccións descoñecidas. No ano 2021, derivado da pandemia da covid-19, houbo unha sensibilización especial coas notificacións de reaccións adversas aos medicamentos, incrementándose un 269 % o número de notificacións, respecto ao ano anterior. En 2023, acadouse de novo un número de notificacións semellante ás rexistradas antes da pandemia.

Esta campaña, que xa está a ser difundida nas pantallas dos centros de saúde do Sergas, pretende lembrar que a notificación de calidade das sospeitas de reaccións adversas melloran a seguridade dos medicamentos e dos pacientes. Por iso, notificar as sospeitas de reaccións adversas aumenta o coñecemento dos medicamentos empregados e a seguridade dos pacientes.

Na web www.notificaram.es pódense presentar as notificacións de reaccións adversas, especialmente as que fan referencia a reaccións inesperadas e graves, e aos medicamentos novos ou a aqueles sometidos a un seguimento adicional (identificados  co pictograma do triángulo negro invertido no prospecto).