A Xunta reitera que traballa no reforzo educativo da unidade de hospitalización infanto-xuvenil de Vigo co perfil profesional máis axeitado e os recursos necesarios
Os departamentos de Educación e de Sanidade fixeron unha primeira avaliación sobre un posto de traballo que require de formación especializada para atender o mellor posible cada caso
A Xunta reitera que está traballando no reforzo educativo da nova Unidade de hospitalización infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo coa busca do perfil profesional máis axeitado para acompañar ao alumnado que fai uso deste servizo, así como a dotación dos medios necesarios para que poidan compatibilizar o seu tratamento nesta unidade coas clases, sempre tendo en conta as situacións e particularidades que se dan.
Como xa explicou esta semana no Pleno do Parlamento o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, os departamentos de Educación e de Sanidade traballan en coordinación para deseñar a mellor atención nesta unidade. De feito, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, acompañada de persoal técnico, visitou en dúas ocasións a unidade nos últimos días co fin de avaliar, xunto ao equipo médico, a situación dos menores hospitalizados e analizar a mellor fórmula para reforzar a atención educativa tendo en conta as súas necesidades e circunstancias.
Cómpre lembrar que esta unidade, que foi creada a finais do ano pasado, dotouse inicialmente, a modo de proba piloto, dun profesor que dependía da aula hospitalaria do Cunqueiro. Agora, tendo en conta as distintas tipoloxías agudas de saúde mental, é necesario avanzar nunha atención máis personalizada a través de profesionais expertos que tamén conten coa formación adecuada para atender os diferentes casos.