A Xunta ofrece este verán co ‘CulturON 2024’ máis de 500 plans culturais para todas as idades na área de Vigo

A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, acudiu ao Acuario do Museo do Mar de Galicia no que se celebran visitas guiadas
A campaña estival do Goberno galego chega a 9 concellos da área con música, maxia, artes escénicas, exposicións, patrimonio ou bibliotecas, entre outras propostas

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes o Acuario do Museo do Mar de Galicia con motivo da posta en marcha da programación do CulturON da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.  A representante autonómica destacou a “calidade e cantidade” das actividades previstas para “todas as idades” este verán na área territorial.

Así, Ortiz sinalou que haberá un total de 518 actividades en nove concellos (Baiona, Cangas, Mos, Nigrán, O Porriño, Redondela, Salvaterra, Soutomaior e Vigo), de elas 351 en Vigo. “É un programa destinado a todos os públicos, pero especialmente ao familiar e infantil, unha oferta plural destinada a satisfacer os diversos gustos da cidadanía a través de proxectos propios da Administración autonómica e a colaboración con diferentes institucións públicas e entidades privadas” , indicou.

Coas propostas xa en marcha, que continuarán ata o mes de setembro, neste 2024 dáselle continuidade a unha campaña que xa funcionou durante o pasado ano e que cobra agora unha dimensión maior. A delegada explicou que todas as propostas, que se poden consultar na Agenda de Cultura de Galicia, van na liña dos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que acaba de recibir o visto e prace do Consello da Xunta, e da futura Rede Adival de dinamización cultural no ámbito rural.

Desta maneira, a oferta caracterízase pola súa descentralización e diversificación, con presenza en máis de 200 concellos e unha media diaria de 30 accións. Abrangue máis de 500 propostas no marco de festivais de diversa índole como música, teatro ou narrativa; 800 iniciativas vencelladas a distintos circuítos de maxia, espectáculos de rúa ou literatura, entre outros; máis de 200 citas musicais e outras 200 funcións relacionadas coas artes escénicas; preto de 300 accións englobadas no Plan Corresponsables Cultura e 300 actividades máis organizadas ao abeiro da Rede de Bibliotecas Públicas coordinadas pola Xunta; unha trintena de exposicións e 40 actividades en prol da lingua.