A Xunta levará a cabo investimentos por máis de 2,6 millóns de euros nos centros educativos de Redondela

 A Dirección Territorial informou ao Concello das obras que se levarán a cabo en nove centros de Primaria e Secundaria

A Xunta de Galicia levará a cabo, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, investimentos por máis de 2,6 millóns de euros en nove centros educativos de Primaria e Secundaria do Concello de Redondela.

A Dirección Territorial de Educación mantivo este xoves coa alcaldesa e o concelleiro de Educación unha xuntanza nun clima de bo diálogo e disposición para informar das obras previstas nas infraestruturas situadas no municipio redondelán, algunhas das cales xa están en marcha.

Así, no que se refire a Primaria, levaranse a cabo reformas no EEI A Marisma por importe de 67.853 euros (fontanería, falsos teitos e luminarias), no CEIP Laredo por valor de 36.000 euros (luminarias), no CEIP Quintela por 48.000 euros (aseos) e no CEIP Reboreda por 310.579 euros (carpinterías e melloras varias).

No referente a Educación Secundaria, os investimentos serán no IES Illa de San Simón por importe de 69.195 euros (illamento térmico e acústico e instalación solar fotovoltaica), no IES Mendiño por 242.436 euros (instalacións térmicas) e no IES Pedro Floriani por 1.888.821 euros para a súa ampliación.

Ademais, durante a reunión tamén falouse sobre o convenio cos institutos do concello para uso dos pavillóns polideportivos, a través do acordo coa Federación Galega de Municipios (FEGAMP), sobre as obras de reforma integral do IES Alexandre Bóveda e sobre unha posible colaboración en obras nos polideportivos.