A XUNTA INVISTE 260.000 EUROS NA SUBSTITUCIÓN DAS CUBERTAS DO CEIP CHANS-BEMBRIVE DE VIGO
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou as instalacións do centro educativo para coñecer os detalles da reforma
A Consellería de Educación tamén finalizou as obras de pavimentación do patio de xogos e a instalación dun novo parque infantil no CEIP Ramón y Cajal
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes o CEIP Chans-Bembrive de Vigo no que se levou a cabo un investimento de máis de 260.000 euros por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para a renovación da cuberta do centro educativo. Segundo explicou a representante autonómica a obra finalizou o pasado mes de xaneiro e xa está a disposición da comunidade educativa do colexio vigués.
Durante o percorrido, no que tamén estivo presente o director territorial, César Pérez Ares, Ortiz lembrou que o Goberno galego destina máis de 31 millóns de euros á modernización e mellora dun total de 53 infraestruturas da comarca, delas 28 na cidade de Vigo cun importe de preto de 9 millóns, a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
“Estamos a investir na cidade con actuacións tan importantes como a que xa acometemos neste centro, pero tamén quero destacar reformas como a do CIFP Manuel Antonio, con máis de 1,5 millóns, ou a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Carballal-Cabral, xa licitada e en proceso de adxudicación por un importe de 520.000 euros”, dixo a delegada territorial.
Segundo explicou, a intervención en Chans-Bembrive centrouse en tres edificios do centro educativo que abarcan desde o ximnasio deportivo ata as construcións auxiliares, dous patios cubertos e a casa do conserxe. O investimento total da obra alcanzou así os 260.119,39 euros.
Pavimentación no CEIP Ramón y Cajal
Posteriormente, tanto a delegada como o director territorial visitaron o CEIP Ramón y Cajal de Vigo, situado na rúa Marqués de Valterra, onde levouse a cabo nas últimas semanas a obra para a mellora da pavimentación do patio de xogos de infantil cun investimento de 4.000 euros e a instalación dun novo parque infantil cun importe de 3.000 euros.



