A XUNTA FINANCIARÁ 283 CURSOS FORMATIVOS PARA PERSOAS DESEMPREGADAS NA ÁREA DE VIGO TRAS ELEVAR O INVESTIMENTO ATA OS 13,2 MILLÓNS
Ana Ortiz visitou este xoves a empresa Formavigo na que xa se levan a cabo cursos de soldadura orientados ao sector do naval
A Consellería de Promoción de Emprego ofertará 92 cursos máis que en 2022 na área territorial viguesa con 3,7 millóns máis de orzamento
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, avanzou este xoves que a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade subvencionará na área viguesa un total de 283 cursos formativos (92 máis que o pasado ano) no marco do plan AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas).
Así o sinalou a representante autonómica durante a visita á empresa Formavigo, no que xa comezaron os cursos de soldadura orientados ao sector naval. A representante autonómica explicou que os cursos (263 presenciais e 20 de teleformación) contan cun investimento de 12,3 millóns de euros (9,5 millóns en 2022) dunha partida económica para a provincia de 23 millóns (16,3 millóns en 2022). No conxunto da área viguesa serán 128.089 horas (92.613 horas o ano pasado) para un total de 4.545 alumnos.
“O Goberno galego prima na actual convocatoria as accións formativas que tratan de anticipar a formación ao novo modelo produtivo, coa mirada posta nos sectores máis innovadores e adaptados ás necesidades da economía da área de Vigo”, sinalou.
Máis de 70 millóns
No conxunto de Galicia, a Xunta financiará con 70.024.608 euros os cursos que se impartirán en 2023 e 2024 en centros ou entidades de formación acreditados coa finalidade de mellorar a cualificación de 16.047 persoas desempregadas. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de resolver esta convocatoria que supera en presuposto nun 25 % o establecido na edición anterior.