A XUNTA FINANCIA O PROXECTO DE EMBELECEMENTO DA ALAMEDA DE MOAÑA CUNHA ACHEGA DE 45.000 EUROS

A delegada territorial, Ana Ortiz, visitou este luns a zona na que a vella fonte cibernética converterase nunha nova instalación destinada á cidadanía

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns, xunto á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, a alameda na que o Goberno galego impulsa con preto de 45.000 euros o proxecto de embelecemento turístico para retirar a vella fonte cibernética e adicar o espazo a unha instalación para a cidadanía.

A Axencia Turismo de Galicia vén de resolver a segunda convocatoria desta liña de axudas destinada a accións que afonden na transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral, accións de transición dixital e de accesibilidade inclusiva en concellos galegos coa finalidade de potenciar o seu uso turístico.

O Concello de Moaña é un dos 41 concellos galegos beneficiados desta convocatoria coa que se impulsarán un total de 64 proxectos que abranguen melloras paisaxísticas en diferentes contornas, creación de contidos e recursos turísticos dixitais, sinalización e mellora de sendeiros, entre outras.

No caso de Moaña, que recibirá unha axudas por un valor de 45.000 euros, executará a corrección da transformación da paixase litoral da alameda de Moaña debido á instalación dunha fonte cibernética hai máis de 20 anos.

Baiona e Soutomaior

O Concello de Baiona, pola súa banda, recibe unha achega autonómica de 14.000 euros para a creación dunha Gimkana dixital, mentres que o Concello de Soutomaior porá en marcha a dinamización de contidos de interese turístico no municipio con outros 14.000 euros.

Esta liña de axudas, cun investimento global de máis de 2,7 M€, é unha das actuacións incluídas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral posto en marcha polo Goberno galego con fondos Next Generation e dentro do que as entidades locais están a executar distintos Plans de Sostibilidade Turística en Destino. O Plan Territorial que conta con 29,3 M€ de fondos, enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camiño á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos.