A Xunta finaliza as obra de mellora da estrada autonómica PO-340 ao seu paso por Gondomar

A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, visitou este xoves os traballos e pediu ao alcalde de Gondomar “lealdade institucional” cunha actuación “moi necesaria”

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este xoves as obras que levou a cabo a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas en Gondomar para a mellora da estrada autonómica PO-340. Durante a visita, a representante autonómica avanzou que os traballos xa remataron e que proximamente comezarán tamén os xa previstos para a PO-331 e PO-332.

“Estamos ante unha actuación moi necesaria para o municipio que levouse a cabo en tempo e forma, polo que sería bo que o alcalde de Gondomar gardase a debida lealdade institucional cun investimento do Goberno galego no seu concello”, asegurou a representante autonómica.

A Xunta adxudicou o pasado mes de xuño, por importe de 1.182.948 euros, as obras de mellora do firme nas estradas autonómicas PO-340, PO-331 e PO-332 ao seu paso polos concellos de Nigrán e de Gondomar. As intervencións incluídas neste contrato levaranse a cabo no treito da PO-340, na estrada entre Tui e A Ramallosa; na PO-331, que une Torneiros e Gondomar, e no treito inicial da estrada PO-332, Nigrán-Vincios.

As tres actuacións, que contan cun prazo de execución total de nove meses, teñen como obxecto a rehabilitación localizada do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación en varios treitos destas tres estradas.

Travesía de Baiona

Ademais, o pasado mes de xuño levouse a cabo tamén a reparación do firme da estrada PO-552 na travesía de baiona, e en concreto entre a glorieta de entrada ao porto e lonxa de Baiona e o acceso ao Parador de Monterreal. Deste modo, mellorouse o pavimento e a drenaxe, ademais de reducir o ruído. Os traballos tamén incluiron as beiravías e os aparcamentos, así como a reposición da sinalización horizontal.