A Deputación destina 55.000 euros á Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) para a posta en marcha do Vigo Sea Fest
A vicepresidenta Luisa Sánchez asinou na Sede de Vigo da Deputación co presidente da Cooperativa, Javier Touza, o convenio de colaboración para a posta en marcha deste “Festival de Sabores do Mar de Galicia que se ten convertido xa nunha das citas gastronómicas de referencia a nivel nacional”
A Deputación de Pontevedra destina 55.000 euros á Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) para a posta en marcha do Vigo Sea Fest, que terá lugar nos xardíns de Elduayen entre o 11 e o 14 de xullo. A vicepresidenta Luisa Sánchez asinou na Sede de Vigo da institución provincial co presidente da Cooperativa, Javier Touza, o convenio de colaboración para a posta en marcha deste “Festival de Sabores do Mar de Galicia que cumpre este ano a súa quinta edición convertido xa nunha das citas gastronómicas de referencia a nivel nacional”.
Para a presidenta provincial Vigo Sea Fest supón “unha importante iniciativa de promoción do peixe galego, un dos produtos que máis sentidos dá a esta terra, e de dinamización da actividade cultural desta cidade que transcende ao ámbito local e tan orgullosos nos fai sentir do noso sector pesqueiro e da nosa industria do mar”. Recordou Luisa Sánchez que este festival “colábase no 2017 no noso calendario festivo cunha maridaxe perfecta entre gastronomía, música e deporte, e unha aposta segura para conquistar a unha cidade vinculada ao mar”. Por estes motivos animou a toda a cidadanía a desfrutar do Fish&Beer e as propostas gastronómicas que teñen preparadas diferentes establecementos da cidade, pero tamén da oferta de concertos, actividades deportivas, infantís e familiares que propón a quinta edición do Vigo Sea Fest.
Pola súa banda o presidente de ARVI, Javier Touza, que agradeceu o apoio prestado pola institución provincial, recordou que o festival “pon en valor o produto pero tamén o factor humano, os tripulantes que temos nos nosos barcos por todos os mares do mundo e as persoas que traballan nas lonxas para que o día seguinte nos lineais non falte nunca este manxar”. Tamén recordou que ARVI celebra este ano o seu 60 aniversario e reclamou, ante a diminución do consumo do pescado, “que o Goberno atenda a nosa petición de rebaixa do IVE do pescado. A Unión Europea propón unha fiscalidade saudable e nada máis saudable que incentivar o consumo da proteína mariña”.