A Xunta destina a Vigo 533 millóns no orzamento de 2025 cun investimento “histórico” en vivenda e un “esforzo sen precedentes» en educación, sanidade e política social

A delegada territorial, Ana Ortiz, salienta o «compromiso irrefutable» do Executivo de Alfonso Rueda nas partidas para a cidade
“Estamos ante unha aposta rotunda do Goberno galego pola cidadanía viguesa, poñendo o foco nas persoas e nas necesidades das familias”
Educación adica a Vigo máis de 303M€ mentres que Política Social chega ata 103M€ e Presidencia, Xustiza e Deportes un total de 48M€
Vivenda (42,1M€), solo residencial (15,5€), Centro de Asociacionismo (10M€) e CIS Olimpia Valencia (10,9M€), investimentos máis relevantes
Tamén destacan o IES Navia (1,8M€), o Teatro Fraga (1,5M€), a ETEA (1,2M€), o CRAPD do Meixoeiro (1,1M€) e a senda Vigo-Ramallosa (1M€)

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, cualificou os Orzamentos de Galicia para 2025 como un “investimento histórico” e un “esforzo sen precedentes” do Goberno galego na cidade olívica. A representante autonómica destacou que as partidas son “unha aposta rotunda pola cidadanía viguesa” e sinalou que “poñen o foco nas persoas e nas necesidades das familias”.

Unha vez que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, fixo entrega este sábado ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, do Proxecto de Orzamentos de Galicia, a delegada territorial apuntou que o vindeiro ano a cidade de Vigo contará con 533 millóns de euros.

“Os datos son irrefutables e sinalan claramente o compromiso do Executivo de Alfonso Rueda coa nosa cidade, facendo un esforzo sen precedentes en Educación, Sanidade e Política Social, e levando a cabo un investimento histórico nun elemento de primeira magnitude como é a necesidade de vivenda pública”, engadiu.

Vivenda en Navia

Segundo explicou a delegada territorial, as principais inversións teñen como eixo a Navia. O barrio vigués recibirá o vindeiro ano un total de 42,1M€ para vivenda de promoción pública e outros 15,5M€ para solo residencial. “A Xunta mantén unha firme aposta por Vigo, que se traduce en que é, con máis de 71M€, a cidade na que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas investirá máis cartos en 2025, nada máis e nada menos que o 13,84% do total”, apuntou.

IES Domingo Villar

Tamén en Navia, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP inclúe unha partida de 1,8M€ para iniciar a construción do IES Domingo Villar. Igualmente os CIFP Valentín Paz Andrade e CIFP Manoel Antonio terán 2M€ e 1,6M€, respectivamente. “Os orzamentos de Educación para Vigo permiten afrontar retos como a maior modernización do sistema educativo, que iniciamos este curso e que vai continuar nos próximos, ou a matrícula universitaria gratuíta e unha intensa aposta polo I+D+i galego”, remachou.

Rúa Lalín: dous proxectos, 20 millóns

Desde a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Consellería de Sanidade tamén saen outros grandes proxectos, os dous na rúa Lalín, que recibirán un impulso definitivo en 2025. Trátase no primeiro caso do Centro de Asociacionismo (vellos xulgados), con 10M€, e o CIS Olimpia Valencia (anterior Audiencia Provincial), con outros 10,9M€. Pola súa banda, o Concello de Vigo recibirá máis de 6M€ dentro dos Fondos de Cooperación Local.

Política Social e Educación

Dentro das grandes cifras que manexa o Orzamento de 2025 da Xunta de Galicia destaca o da Educación, con máis de 303M€. A continuación sitúase a Política Social, con outros 103M€. No caso da Consellería de Presidencia a cifra chega ata os 48M€, cunha importante partida para a xustiza gratuíta (2,8M€). “Son datos que demostran a relevancia do gasto social por parte do Goberno galego na nosa cidade”, engade Ortiz.

Ademais, a Xunta tamén consigna 500.000 euros para a pista de Atletismo de Balaídos e dá continuidade ao programa de bonos que xa supuxo un importante beneficio para a cidadanía viguesa. Así, as partidas xenéricas para toda Galicia inclúen un total de 12M€ para o Bono Concilia, outros 5M€ para Bono Comercio e 2M€ máis para Bono Emancípate.

Área territorial de Vigo

A delegada territorial explicou tamén que a Xunta de Galicia levará a cabo grandes inversións na área de Vigo. Así, en Mos, a Xunta destinará 5M€ para a construcción dun centro de coidados intermedios no Rebullón. Tamén se dota o crédito para equipamento do Centro de Saúde do Porriño, con 700.000 euros, e o investimento necesario para finalizar o Centro de Saúde de Moaña con 4,8M€ e acometer a mellora do Centro de Saúde de Domaio, que supera os 200.000 euros.

Os centros tecnolóxicos ubicados en Porriño (CTAG e AIMEN) tamén contarán con 7,2M€. En Nigrán, o Centro de Investigación eMobility de BorgWarner terá un total de 5M€. Para a Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves a cantidade ascende ata 5M€. Ademais, o orzamento destina 800.000 euros á reforma do IES Pedro Floriani de Redondela.

As instalacións do Porto de Baiona recibirán preto de 1M€, mentres que o proxecto Plan Hurbe conta con 600.000 euros. En Cangas comezará a remodelación da lonxa de Aldán,  con 2M€ en varias anualidades, e a nave de redeiras con 1,1M€. Tamén Gondomar contará con 160.000 euros, dun total dos 2,5M€ comprometidos para a protección contra os anegamentos do río Miñor.

PRINCIPAIS INVESTIMENTOS PARA VIGO:
  • Vivenda de Promoción Pública en Navia: 42,1M€
  • Solo Residencial en Navia (Urban.): 15,55M€
  • CIS Olimpia Valencia: 10,94M€
  • Centro de Asociacionismo rúa Lalín: 9,98M€
  • Urbanización PS1 ETEA (Convenio Zona Franca): 2M€
  • Instituto Domingo Villar de Navia (14M€): 1,8M€
  • Teatro Cine Fraga: 5M€
  • Planta de Transferencia de Resíduos: 1,4M€
  • Ámbitos Autonómicos Campus del Mar ETEA: 1,25M€
  • Centro Residencial Atención Persoas Dependentes: 1,1M€
  • Mellora Seguridade Viaria Estradas Vigo: 1M€
  • Estación Intermodal de Vigo: 570.00 euros
  • Pistas de Atletismo de Balaídos: 500.000 euros
  • CIFP Coia-Vigo: 500.000 euros
  • Mobilidade Avenida de Beiramar: 490.000 euros
  • Túnel Porta do Sol / Elduayen: 50.000 euros