A XUNTA DESTACA A OPORTUNIDADE QUE OS FONDOS EUROPEOS REPRESENTAN PARA IMPULSAR UNHA MOBILIDADE TERRESTRE E MARÍTIMA SOSTIBLE

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde e a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, participaron en Vigo nun encontro enerxético centrado na mobilidade

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiron hoxe a un dos encontros enerxéticos que o Goberno galego está celebrando nas catro provincias galegas. En concreto, a temática da xornada centrouse nunha mobilidade terrestre e marítima sostibles, un obxectivo, no que xogarán un importante papel tanto os fondos europeos -Next Generation e Feder 2021/2027- como a colaboración público -privada.

Neste eido, Conde referiuse ao Perte da automoción insistindo en que para Galicia é vital participar nel, pois está en xogo o futuro do sector. Neste sentido solicitou apoio para o impulso do proxecto AutoÁncora. Conde, que tamén se referiu aos proxectos que a Autoridade Portuaria de Vigo ten para o porto en materia enerxética, pediu que se concreten os detalles do Perte naval para poder adaptar as iniciativas da candidatura galega.

Por outra parte, segundo informou, xa se preseleccionaron oito proxectos dentro da convocatoria Moves Singulares II que suman un investimento de 13,9M€, entre os que destacan os hubs de electromobilidade sostible en Vigo; o Plan de mobilidade sustentable da Ribeira Sacra ou a creación dunha plataforma de interoperabilidade para o Corredor Verde do Norte.

O vicepresidente económico repasou, na súa intervención, os datos da Comunidade en materia de enerxía e lembrou que, segundo o informe de Rede Eléctrica Española, somos a segunda rexión que máis enerxía renovable xerou en 2021.