A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto a directora do certame, Lorena López, e o presidente do xurado, Javier Castillo “Poty” presentaron hoxe as novidades do 10º aniversario
ARRANCA A CONTA ATRÁS PARA A CELEBRACIÓN A FINAIS DE ABRIL DO VIGO PORTÉ-TROFEO DE BAILE INTERNACIONAL XACOBEO 21-22
O laureado “Terra” de Tanxugueiras serve de banda sonora a unha edición moi especial que culminará coa actuación do trío de cantareiras na gala do 1 de maio
Máis de 1.000 bailaríns competirán por alzarse co máximo recoñecemento nas distintas categorías de baile que se mediran no escenario do Auditorio Mar de Vigo
Fernández-Tapias destaca o apoio da Xunta a este certame, identificado como un dos eventos de baile máis importantes de Europa e un referente no mundo da danza
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto a directora do Vigo Porté, Lorena López, e o presidente do xurado, Javier Castillo “Poty”, avanzaron hoxe algunhas das novidades do certame que conmemorará o seu décimo aniversario. Comeza así a conta atrás para a celebración do trofeo que, baixo o paraugas do Xacobeo 21-22, converterá novamente a Vigo en capital europea do baile.
Durante a presentación oficial, a representante autonómica reafirmou o compromiso e o apoio do Executivo galego cun evento que reunirá a uns 1.000 bailaríns para alzarse cos primeiros premios do Trofeo de Baile Internacional Xacobeo 21-22. Un certame do que Fernández-Tapias non só destacou a súa proxección internacional, senón a calidade artística e profesional dos bailaríns que nel participan e do xurado, que o identifica, dixo, “como un dos eventos de baile máis importantes de Europa e un referente no mundo da danza”. “Emprender este camiño xunto ao Vigo Porté foi unha aposta persoal coa que claramente sae gañando Vigo”, recoñeceu.
Nesta mesma liña, Javier Castillo “Poty”, que repetirá un ano máis como presentador, sinalou que “a calidade das coreografías é excepcional e os bailaríns que participan nos sorprenden ano tras ano”. Novamente presidente do xurado, estará acompañado por representantes do mundo da danza a nivel nacional como Alfonso & Mónica, Angel Lara, Arantxa Carmona, Christian Sánchez, Cristina & Mario, David Campos, Evelyn La Negra, Juan Polo y Xisco Feijoo.
Pola súa banda, Lorena López, amosou a súa satisfacción polo logros acadados durante estes dez anos de vida do Vigo Porté, “con máis de 1.000 coreografías, 8.000 bailaríns e 300 escolas de danza representadas”. “A edición deste ano vai ser a máis especial ata o momento e estamos traballando para ninguén quede indiferente”, afirmou, deixando entrever as moitas sorpresas que lle esperan aos asistentes.
Entre as novidades, destacan o laureado “Terra” de Tanxugueiras, que serve de banda sonora a unha edición que culminará o vindeiro 1 de maio cos nomes dos gañadores do Trofeo Internacional de Baile Xacobeo 21-22 e coa actuación en directo do trío galego de cantareiras na gala de peche. Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrio interpretarán ante o público fiel a esta cita o exitoso tema musical, nunha das tres actuacións que teñen programadas na cidade de Vigo.
Vigo Porté celebrará así do 29 de abril o 1 de maio dez anos de historia da man da Xunta de Galicia e coa colaboración por segundo ano consecutivo do Xacobeo 21-22, con máis de 250 coreografías inscritas ata o de agora e a menos de 24 horas de que remate o prazo para a participación no certame. Coreografías como as que hoxe, e a modo de aperitivo, representaron as escolas galegas Teressa Ngundi Dance Studio e Galicia Danza no acto de presentación.