A Xunta confirma un investimento de 441.000 euros para renovar o obradoiro dual Coidando o Miñor e formar a 20 persoas desempregadas

A delegada territorial, Ana Ortiz, asistiu este mércores á clausura da última edición do curso que promoven Gondomar, Baiona e Nigrán con fondos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este mércores a segunda edición do obradoiro Coidando o Miñor III que permitiu formar durante o último ano a 20 persoas desempregadas e confirmou un investimento de 441.928 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para reeditar unha edición máis un curso que promove Gondomar, xunto con Baiona en Nigrán.

A representante autonómica, que estivo acompañada polos alcaldes de Gondomar, Francisco Ferreira; de Nigrán, Juan González, e de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, animou aos participantes a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. “A formación que recibides durante o último ano son unha ventá ao mercado de traballo e tanto a comarca como o resto de Galicia, a sociedade e as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.

Ortiz confirmou que haberá unha nova edición do obradoiro e que a Xunta investirá 3,9 millóns en 2025 para un total de dez cursos na área de Vigo. No caso concreto de Coidando o Miñor III, os participantes recibiron desde novembro de 2023 a novembro de 2024 formación nas especialidades de atención sociosanitaria en domicilio e institucións, limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, xestión de residuos urbanos e limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais.

Ademais, a delegada indicou que xa están aprobadas novas achegas para repetir en 2025 con Vigo Capacita X e o IV Obradoiro Forestal Montes de Vigo, a través da Mancomunidade de Montes. Tamén Mos promoverá a iniciativa Queda en Mos III; Salceda de Caselas contará co curso Recuperación do Legado Patrimonial; Salvaterra de Miño terá o Salvaterra Emprega IV; Cangas celebrará Granxa da Rúa XIII; Redondela, o obradoiro Polo Mar de Redondela; O Porriño desenvolverá o obradoiro Porriño Humaniza, e Moaña o taller Labora Hostalería.