A vicepresidenta Luisa Sánchez participa na inauguración do VII Congreso Ibernáutica
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou esta mañá no acto de inauguración da sétima edición do congreso Ibernáutica, que este ano se celebra baixo o título “Premium Sea’s Gastronomy”, e que reunirá en Vigo durante os próximos dous días conferenciantes de gran nivel no ámbito marítimo e da gastronomía. A vicepresidenta provincial incidiu na importancia de que estas xornadas, que son a actividade congresual da Semana Abanca, se celebren na provincia de Pontevedra, concretamente en Vigo, “porque esta provincia é costa, e son as nosas rías as que nos definen como territorio. E, dentro deste mundo, a gastronomía do mar é un aspecto fundamental para o impulso das Rías Baixas como motor económico e destino turístico”.
Sánchez tamén destacou o apoio a citas como esta, que reunirá máis dun cento de asistentes de diferentes puntos da xeografía española, “porque son fundamentais para o desenvolvemento da provincia, así como unha forma de proxección exterior. Porque non hai persoa que veña á provincia e non se converta automaticamente en prescritora da nosa terra”.
