A SEDE DE VIGO DA DEPUTACIÓN ACOLLERÁ A EXPOSICIÓN DE PINTURA “SON CARIBE” DA FUNDACIÓN BALMS
A mostra, que amosa a identidade caribeña a través de pinturas realizadas por menores vulnerables en República Dominicana e Colombia, será inaugurada o vindeiro mércores 11 de outubro pola vicepresidenta da Deputación, Marta Fernández-Tapias
A sala Rosalía de Castro da Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acollerá desde o vindeiro 11 de outubro e ata o día 26 a exposición “Son Caribe. A arte como ferramenta transformadora”, que organizan conxuntamente a institución provincial e a Fundación Balms para a Infancia. A mostra, que amosa a identidade caribeña a través de pinturas realizadas por menores vulnerables en República Dominicana e Colombia, será inguruarada ás 20.00 horas pola vicepresidenta primeira e deputada delegada de Cultura, Marta Fernández-Tapias, así como o presidente da Fundación, Antonio Heredero González-Posada.
“Son Caribe” busca poñer en valor o poder da arte e a cultura como ferramentas sociais transformadoras. Por iso, realiza unha viaxe a través da identidade e a cultura caribeñas da man do alumnado de dúas escolas de arte, Mauro Lorenzo e Granitos de Paz, que a Fundación Balms ten situadas en dous dos barrios máis vulnerables de República Dominicana, o de Santa Lucía, en Santiago, e en Colombia, o de Olaya Herrera, en Cartaxena. Os artistas teñen entre 7 e 17 anos e coas súas obras mostran emoción, sensibilidade, técnica, cor, alma, vida e, sobre todo as súas propias experiencias.
Desde a Fundación Balms para a Infancia levan dúas décadas traballando polos dereitos da infancia máis desfavorecida. Entre outras estratexias, empregan a arte para achegar as disciplinas artísticas a nenas e nenos en situación de vulnerabilidade. Coa creación e desenvolvemento das súas escolas de arte e tempo libre en varias cidades latinoamericanas buscan contribuír á cultura artística local e dotar dunha formación alternativa as e os nenos que termine impactando directamente nas súas comunidades.
No marco da mostra, o venres 13 de outubro 20 rapaces de entre 9 e 14 anos participarán nun obradoiro creativo. A exposición, que chega á cidade olívica despois de pasar por Marbella e Madrid, poderá visitarse na sede de Vigo da Deputación ata o vindeiro 26 de agosto de luns a venres de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 horas e sábados e domingos de 10:00 a 14:00 horas.