A Deputación publica a resolución provisional da concesión de axudas a clubs deportivos e federacións para a organización de competicións e eventos deportivos

Ao abeiro deste apoio, 49 clubs e federacións resultaron beneficiarias da liña destinada a competicións federadas oficiais de ámbito estatal ou internacional e 184  no caso das competicións oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, federadas ou non
En conxunto, esta orde de subvencións, que se outorgan por concorrencia competitiva, está dotada con 500.000€; 300.000€ na liña 1 e 200.000€ na liña 2
A vicepresidenta Luisa Sánchez reuniuse este luns co presidente da Escudaría Rías Baixas, organizadora do Rally Rías Baixas que este ano recibe unha achega de 24.316,52€

A Deputación de Pontevedra vén de publicar este luns na súa web a resolución provisional da concesión de subvencións a clubs deportivos e federacións autonómicas e españolas para a organización de competicións e eventos deportivos na provincia, tal e como anunciou a vicepresidenta Luisa Sánchez tras manter unha reunión con Fernando Mouriño, presidente da Escudaría Rías Baixas. Precisamente, a organizadora do Rally Rías Baixas recibe unha das contías máis elevadas con 24.316,52 euros.

Esta liña de subvencións ten como finalidade a promoción da práctica deportiva no ámbito da provincia de Pontevedra, a través dunha programación que axude a impulsar o desenvolvemento social, mellorar a calidade de vida, crear emprego e fomentar o crecemento sustentable do territorio e da súa sociedade. Ademais, con elas búscase implicar a todos axentes sociais, económicos e institucionais da provincia de Pontevedra para obter unha perspectiva ampla, multidisciplinar e plural.

Estes apoios, que se outorgan por concorrencia competitiva, divídense en dúas liñas. Unha primeira destinada á realización de competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacionais dotada con 300.000 euros e cun importe máximo da subvención establecido en 25.000 euros; e unha segunda, destinada á realización de competicións deportivas oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, federadas ou non, dotada con 200.000 euros e cun importe máximo de 6.000 euros por entidade.

Segundo indicou a vicepresidenta provincial, ao abeiro destas axudas, 34 clubs e 15 federacións resultaron beneficiarias da primeira liña, 15 delas da cidade de Vigo cun investimento de preto de 79.381,48 euros; e 167 clubs e 17 federacións no caso da segunda liña, das que 37 corresponden a Vigo e repártense en conxunto 45.911,88 euros.

A vicepresidenta insistiu unha vez máis en que o deporte é pedra angular do Goberno provincial, “como motor de desenvolvemento económico e como potenciador turístico”. “A nosa provincia é un estadio deportivo natural que se presta a calquera disciplina deportiva, pero é que ademais contamos cunhas infraestruturas deportivas de primeirísimo nivel”, anotou, para engadir que “os nosos deportistas referénciannos no mundo colleitando os maiores éxitos, mentres que os nosos clubs e entidades traballan a diario para facer realidade todos estes logros”.