A Delegación da Xunta en Vigo incorpora a 16 novos funcionarios en Política social, Emprego, Mar e Sanidade

A delegada territorial, Ana Ortiz, deu este martes a benvida aos traballadores dos grupos C1 e C2 que reforzan a estrutura do Goberno galego na cidade

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o secretario territorial, Fernando González Abeijón, así como os directores territoriais e xefes de servizo de Política Social, Emprego, Mar, Sanidade e Presidencia deron este martes a benvida aos 16 novos funcionarios que xa están incorporados a estrutura da Delegación do Goberno galego en Vigo.

Os traballadores xa desempeñan as súas funcións desde os primeiros días do mes de xuño nos departamentos de Dependencia e Autonomía Persoal; Prestacións, Inclusión e Inmigración; Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; CRAP de Vigo; Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social; Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e Servizo de Control de Riscos Ambientais.

Ana Ortiz recibiu aos funcionarios e deulles a benvida no edificio administrativo da Xunta de Galicia na cidade. “Somo un equipo e podedes contar con todos nós para calquera dúbida ou necesidade que teñades, lembrade sempre que somos servidores públicos e o noso traballo é responder aos cidadáns”, sinalou.

A Delegación Territorial de Vigo conta con máis de 500 funcionarios nos seus dous edificios da rúa Concepción Arenal e Praza da Estrela con servizos das consellerías de Política Social e Igualdade; Mar; Facenda (Axencia Tributaria de Galicia); Educación; Emprego, Consumo e Inmigración; Sanidade; Presidencia, Xustiza e Deportes; Vivenda; Economía e Industria (Igape), e Xuventude.