VIGO ACOLLERÁ A SAÍDA DA III ETAPA POPULAR CAMIÑO DA COSTA PARA RECLAMAR A SINALIZACIÓN DA RUTA XACOBEA
A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, presentou a iniciativa que se levará a cabo o vindeiro 21 de xuño
A andaina discorrerá polos 15 quilómetros que separan a Delegación da Xunta en Vigo e o albergue da Casa da Torre en Redondela
O percorrido xacobeo pola costa xa foi o preferido este ano por case 40.000 peregrinos, un 23% máis que o pasado ano a estas alturas
“Atopamos cada día a peregrinos perdidos pola cidade e consideramos unha falta de respecto aos nosos visitantes”, apuntou Ana Ortiz
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, anunciou este luns a convocatoria da terceira edición da Etapa Popular Camiño da Costa, unha iniciativa que se celebrará o vindeiro domingo, 21 de xuño, cun percorrido polo tramo da peregrinación xacobea que une Vigo e Redondela. Na presentación estivo acompañada polo presidente da Federación Provincial de Comercio, Iván Iglesias; o presidente de Ahosvi (Asociación de Hostalería de Vigo), Daniele Provezza; o presidente de Feprotur (Federación Provincial de Hostalería e Comercio), César Ballesteros; o delegado de Gadisa, Pablo Louro, e o presidente de Vodea, Juan Mallo.
A representante autonómica destacou que a convocatoria xa se converteu nun clásico despois do éxito logrado o primeiro ano no tramo vigués do camiño e tamén o pasado ano entre Oia e Baiona. “Quero convidar á cidadanía a participar un ano máis na iniciativa, porque de novo temos un percorrido espectacular pola ría de Vigo que ninguén debe de perderse”, sinalou Ortiz.
Segundo explicou, a andaina partirá as 09:00 horas do edificio administrativo da Delegación Territorial da Xunta en Vigo para finalizar aproximadamente catro horas despois no albergue da Casa da Torre en Redondela.
Acompañada por representantes de comerciantes, hostaleiros e asociacións, a delegada sinalou que en este 2026 xa foron case 40.000 os peregrinos que recolleron a súa Compostela tras realizar a ruta que pasa por Vigo, un 23 por cento máis que no mesmo período de 2025.
A delegada lembrou que actualmente Vigo é a única cidade de Europa que non ten sinalizado o Camiño de Santiago. “Atopamos cada día a peregrinos perdidos pola cidade e consideramos unha falta de respecto aos nosos visitantes. Non entendemos a negativa do alcalde de Vigo a sinalizar o paso da ruta despois de comprometerse co presidente Rueda na reunión que tiveron hai xa dous anos”, engadiu.
A Xunta de Galicia en Vigo organiza esta actividade coa colaboración da Dirección Xeral de Turismo. Para participar hai que rexistrarse chamando ao número de teléfono 986 81 77 97, desde hoxe ata o vindeiro xoves 18 como tope.
O punto de encontro o día 21 de xuño será na fachada da Delegación Territorial ás 08:30 horas. Na iniciativa colaboran a Federación Provincial de Comerciantes, a Federación Empresarial de Turismo e Hostalería de Pontevedra, Biscuits Galicia, Vodea, Coca-Cola e Gadis.


