Luisa Sánchez pon en valor a demandada mellora da Estrada Clara Campoamor, financiada pola Deputación

A vicepresidenta visitou, xunto a un grupo de veciños, as obras acometidas no treito situado entre a rúa Ramiro Pascual e a rotonda de acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro
A administración provincial achegou o 86% do orzamento total, que ascendeu a 1,32 millóns de euros, para crear beirarrúas, repoñer o firme e renovar as redes soterradas
Luisa Sánchez reivindica os 47 millóns de euros comprometidos para Vigo só en investimentos desde a súa chegada á vicepresidencia: “É un dato récord”

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou este luns a Estrada Clara Campoamor xunto a un grupo de veciños das parroquias de Beade e Valladares para comprobar sobre o terreo o resultado das obras financiadas pola institución provincial e polo Concello de Vigo no treito comprendido entre a rúa Ramiro Pascual e a rotonda do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Durante a visita, Luisa Sánchez salientou que se trata dunha actuación moi demandada pola veciñanza e que permite mellorar de maneira significativa a seguridade nunha vía municipal que rexistra cada vez unha maior intensidade de tráfico tanto de vehículos como de peóns.

A actuación permitiu dotar este tramo de novas beirarrúas, repoñer o firme da calzada e habilitar zonas seguras de embarque e desembarque nas paradas de autobús. Ademais, executáronse novos pasos de peóns regulados por semáforos e renováronse as redes de drenaxe, saneamento e abastecemento, así como a iluminación pública.

A obra contou cun investimento total de 1,32 millóns de euros, dos que a Deputación de Pontevedra achegou máis de 1,13 millóns, o que representa o 86% do orzamento total, mentres que o Concello de Vigo completou o financiamento da actuación con 187.920 euros. O proxecto foi impulsado mediante un convenio de colaboración asinado entre ambas administracións a finais de 2024.

Luisa Sánchez confesou a súa “ledicia” por ver materializado un investimento que repercute directamente na calidade de vida de vigueses e viguesas. “Estou moi contenta por ver como a Deputación inviste na miña cidade e por comprobar como a Deputación contribúe a mellorar a miña cidade”, reivindicou.

A responsable provincial lembrou que o compromiso da institución con Vigo se plasma nos 47 millóns de euros comprometidos para Vigo só en investimentos desde a súa chegada á vicepresidencia. “Un dato récord. Unha cifra histórica. E imos seguir. Seguiremos investindo en Vigo máis que nunca”, afondou.