Luisa Sánchez despide a frota de La Solitaire du Figaro antes da súa espectacular saída desde a ría de Vigo
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, asistiu este domingo en Vigo á despedida das máis de 40 embarcacións participantes na regata La Solitaire du Figaro desde os pantaláns de Portocultura antes da saída oficial desde Punta Lagoa da segunda etapa da prestixiosa competición. A proba, que puxo rumbo á localidade francesa de Pornichet, continúa así o seu percorrido tras a etapa inaugural entre Perros-Guirec e Vigo, na que se impuxo o irlandés Tom Dolan.
A saída dos monotipos deixou unha imaxe espectacular sobre a ría de Vigo, coa frota en competición navegando acompañada por numerosos barcos particulares que quixeron sumarse ao evento e gozar desde o mar dun dos momentos máis vistosos da regata. A escala de catro días de La Solitaire du Figaro en Vigo, que foi posible grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra, consolida á cidade e á provincia como referentes internacionais da vela e do turismo deportivo.


