O Pavillón 5 acolle as instalacións deportivas desde 2023

O MÓDULO DE ATLETISMO DO IFEVI, NO QUE A XUNTA INVESTIU PRETO DUN MILLÓN DE EUROS, XA RECIBIU A MÁIS DE 15.000 DEPORTISTAS E ESCOLARES

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este mércores as instalacións construídas ante a falta de renovación das pistas municipais
“Seguimos agardando a que o Concello desbloquee o acordo para firmar o convenio que permita reformar o centro deportivo de Balaídos”, sinalou

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz,  destacou este mércores o éxito do novo módulo deportivo do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) durante unha visita ao Pavillón 5 polo que xa pasaron máis de 15.000 deportistas e escolares desde a súa inauguración no ano 2023.

“A decisión de construír este módulo de atletismo non puido ser máis acertada, xa que aínda seguimos agardando a que o Concello de Vigo desbloquee o acordo e firme o convenio para reformar as pistas de atletismo de Balaídos”, sinalou Ortiz. Durante o percorrido polas instalacións, na que tamén estivo presente o xefe de servizo provincial de Deportes, Daniel Benavides, a representante autonómica puido comprobar o funcionamento do módulo deportivo.

A instalación do equipamento do módulo de atletismo tivo un investimento de 312.547,32 euros. A isto hai que engadir o convenio aprobado por importe de 120.000 euros anuais para o uso e mantemento, ademais da inversión de 8,3 millóns feita pola Xunta para construír o novo Pavillón 5.

A nova infraestrutura aportou un novo revulsivo ao recinto, xa que as instalacións deportivas teñen como obxectivo principal incrementar a potencialidade dos preto dun milleiro de atletas repartidos entre os 15 clubes da área metropolitana de Vigo.

O módulo de atletismo inaugurouse en febreiro de 2023 grazas á segunda ampliación do Ifevi, que se suma á realizada en 2018, cun custo de máis de 4 millóns de euros. En total, desde 2005 a Xunta investiu no Ifevi preto de 24 millóns de euros.