A XUNTA DESTINA MÁIS DE 500.000€ A 18 PROXECTOS DE EMPRESAS TURÍSTICAS DA ÁREA DE VIGO A TRAVÉS DAS AXUDAS PARA O EMBELECEMENTO DO LITORAL

A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, visitou este xoves o Hotel Miramar de Nigrán, un dos beneficiarios das achegas
Por provincias, un total de 66 iniciativas desenvólvense en Pontevedra, 42 na da Coruña e 9 na de Lugo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz,  visitou este xoves o Hotel Miramar de Nigrán, unha das empresas beneficiarias da convocatoria de subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego. Segundo explicou a representante autonómica, o Goberno galego destinou a través de Turismo de Galicia un total de 522.153 euros a 18 proxectos da área de Vigo.

En total, en Galicia concedéronse 117 achegas, ás que se destinará máis de 4,56M€. Por provincias, a que máis iniciativas concentra é a de Pontevedra, na que se sitúan 66 dos proxectos beneficiarios, entre os que se repartirán un total de 2,58M€. Estas iniciativas repártense entre 15 concellos: Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, O Grove, Marín, Nigrán, Poio, Pontevedra, O Rosal, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

A convocatoria de axudas a establecementos turísticos para embelecemento do litoral enmárcase nas actuacións de cohesión entre destinos (ACD) do Plan territorial de sostibilidade turística de Galicia e está encamiñada á conservación e á mellora do patrimonio singular e de uso turístico da costa galega.

Contemplan tres liñas de actuación: accións destinadas á mellora da eficiencia enerxética, á dixitalización de recursos con potencial turístico no litoral e para a mellora da fachada turística do litoral. As axudas están financiadas ao 100 % polos fondos NextGenerationEU.