ANA ORTIZ DESTACA NA GALA DE TURISMO E HOSTALERÍA OS “IMPORTANTES BENEFICIOS DO FENÓMENO XACOBEO” PARA VIGO COA CHEGADA DE 71.000 PEREGRINOS ESTRANXEIROS
A delegada territorial da Xunta de Galicia asistiu á entrega de premios da Federación Empresarial de Turismo e Hostalería
“O gasto medio diario dun peregrino na nosa cidade sitúase nos 170 euros, así que estamos ante un importante recurso para o sector turístico en Vigo”, sinalou
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, asistiu este luns a Gala de Premios da Federación Empresarial de Turismo e Hostalería da provincia de Pontevedra (Feprotur) celebrada no Pazo dos Escudos da cidade. Durante a súa intervención, a representante autonómica destacou os “imporante beneficio do fenómeno xacobeo” para Vigo co auxe do Camiño Portugués da Costa nos últimos anos.
“Do total dos 90.000 peregrinos que atravesaron as nosas rúas en 2025, máis de 71.000 eran estranxeiros, o que significa que case un de cada catro turistas chegados á cidade desde fóra de España fixérono a través do Camiño da Costa”, sinalou Ortiz. Así, a delegada lembrou os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) nos que se apunta que Vigo recibiu 300.000 turistas estranxeiros o pasado ano, converténdose xa “nunha importante fonte de ingresos para o sector”.
Ademais, ofreceu outro dato relevante como é o gasto medio diario de 170 euros por cada peregrino. “Este tipo de turistas con alto poder adquisitivo supoñen uns ingresos moi relevantes para a nosa economía, pero este éxito non é casualidade, senón que é o resultado da aposta pola calidade da hostalería e da política da Xunta posta ao servizo do sector e dos cidadáns”, indicou.
Durante a gala, foron premiados pola súa traxectoria profesional Palmira Acuña Comesaña, Juan Antonio Rivadulla, Lucrecia García, Luis Outerelo, Silvia García Pintos, o Camping Praia América, a Casa San Martín e o establecemento Tus Botacas.
Ao acto, conducido polo presentador Carlos Veleiro, tamén asistiron o presidente de Feprotur, César Sánchez Ballesteros; a directora de Turismo da Deputación de Pontevedra, Romina Fernández; o presidente da Confederación de Emprearios de Pontevedra, Jorge Cebreiros; a presidenta da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Mar Rodríguez; o diputado e alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; o presidente de Hostelería de España, José Luis Álvarez Almeida, e o presidente do Cluster Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal.

