A XUNTA PON EN VALOR A PRESENZA DE ‘THE WAY STARTUP SUMMIT’ NA REDE ULTREIA DE COLABORACIÓN PÚBLICO-PRIVADA PARA IMPULSAR O EMPRENDEMENTO EN GALICIA

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, acompañada pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiu hoxe á presentación do evento de emprendemento The Way Startup Summit 2026, onde puxo de relevo a súa adhesión á Rede Ultreia de colaboración público-privada impulsada pola Xunta para darlle un pulo ao ecosistema emprendedor en Galicia, que supera o cento de incorporacións. Unha rede que será un dos eixes da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, na que exercerá de fío condutor a Rede de polos que leva atendido máis de 6.100 proxectos nos seus 15 centros activos.

The Way Startup Summit reunirá do 6 ao 8 de maio en Vigo empresas emerxentes, investidores, corporacións e axentes estratéxicos. A directora xeral celebrou a oportunidade de eventos coma este á hora de atraer investimentos para o emprendemento en Galicia, poñendo o foco nos negocios necesarios e tractores de cada contorna, así como na prioritaria remuda xeracional.