A Deputación de Pontevedra aposta pola promoción en orixe como vía para reactivar o tráfico aéreo en Peinador
Luisa Sánchez reivindicou o potencial de Vigo e das Rías Baixas durante a reunión mantida entre as deputacións e a Xunta, na que apostou por xerar interese no mercado
A institución provincial estudará accións de promoción para contribuír ao relanzamento da terminal olívica e reafirma a súa oposición a calquera proposta que limite a operativa
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, amosou a súa aposta pola promoción en orixe como vía para reactivar o tráfico aéreo no aeroporto de Peinador tras a reunión mantida este martes entre as deputacións provinciais e a Xunta de Galicia co obxectivo de abordar a situación das tres terminais galegas. Un encontro que se enmarca dentro da rolda de contactos iniciada polo goberno autonómico e ao que a institución pontevedresa acudiu co ánimo de procurar solucións que permitan relanzar a terminal viguesa, malia non ter competencias directas en materia aeroportuaria.
Nunha xuntanza na que tamén participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o director xeral de Turismo, Xosé Manuel Merelles; e representantes das deputacións da Coruña e Ourense, Luisa Sánchez reivindicou o potencial de Vigo e das Rías Baixas como destino turístico e de negocios, apostando por xerar interese real no mercado. “Debe ser a demanda a que determine que rutas son rendibles. A través dunha boa promoción en orixe, será a cidadanía a que marque o camiño”, sinalou.
A este respecto, salientou que a provincia goza dunha área de influencia dun millón de habitantes, dun “potente” tecido empresarial que demanda conexións nacionais e internacionais, dun “atractivo turístico enorme” e de opcións de acadar os dous millóns de pasaxeiros ao ano.
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra valorou positivamente as propostas que a análise desenvolvida por AENA contempla para Peinador e insistiu en que “as solucións pasan por saber vender a provincia no exterior”, lembrando o compromiso da súa institución coa promoción turística do territorio. Do mesmo xeito, considerou “moi relevante” dotar ao tecido empresarial das conexións axeitadas para fortalecer as relacións económicas no exterior.
Así mesmo, valorou a disposición da Xunta a destinar 100.000 euros a cada nova ruta que se estableza, cun máximo de dous por aeroporto e ano. Neste sentido, a Deputación de Pontevedra estudará as accións que estean na súa man para contribuír ao relanzamento da terminal olívica.
Luisa Sánchez tamén deixou clara a súa oposición respecto a calquera proposta que limite a operativa de Peinador. “Non imos aceptar ningunha iniciativa que prexudique o noso aeroporto. O noso territorio é atractivo tanto por motivos profesionais como turísticos”, asegurou.
Finalmente, Luisa Sánchez pediu prudencia na análise das estatísticas de tráfico aéreo coñecidas este luns. “Os datos de marzo están condicionados pola Semana Santa e por operativas puntuais, polo que non se pode falar dun cambio de tendencia”, concluíu.

