A XUNTA ELEVA ATA OS 690 MILLÓNS AS PARTIDAS PARA VIGO NO ORZAMENTO DE 2026 CUN AUMENTO SOSTIDO EN VIVENDA E UN REFORZO DO GASTO EN SANIDADE, POLÍTICA SOCIAL E EDUCACIÓN
A delegada territorial, Ana Ortiz, salienta a «investimento decidido» do Executivo de Alfonso Rueda no presuposto do próximo ano para a cidade
“O Goberno galego demostra unha vez máis o peso de Vigo con partidas históricas para a protección social das familias e a construción de vivenda”
Vivenda dispara o seu investimento e adicará 74 millóns a promoción pública, aloxamentos compartidos e desenvolvemento de solo en Navia, Ofimático e Ramón Nieto
Tamén destacan IES Domingo Villar (10,9M€), Teatro Fraga (10,5M€), vieiro e senda entre Vigo e Ramallosa (5,5M€), ETEA (4M€), CRAPD Meixoeiro (4M€) e Olimpia-Valencia (1,4M€)
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, cualificou os Orzamentos de Galicia para 2026 como un “investimento decidido” e un “reforzo da protección social” por parte do Goberno galego na cidade olívica. A representante autonómica destacou que as partidas demostran unha vez máis o peso de Vigo” e sinalou que “supoñen a garantía de cumprir co obxectivo prioritario de dotar á cidade con nova vivenda”.
Ana Ortiz apuntou que o vindeiro ano a Xunta eleva ata os 690,6M€ as partidas para a cidade (no 2025 foron de 533M€). “O Goberno galego demostra unha vez máis o peso de Vigo con partidas históricas para a protección social das familias e a construción de vivenda, trátase dun crecemento sostido e focalizado nas áreas sociais, para seguir favorecendo a igualdade entre todos os galegos, vivan onde vivan”, engadiu.
Ademais, a delegada lembrou que os orzamentos do Executivo de Alfonso Rueda para Vigo poderían ser moito máis elevados se desde o Concello non bloquearan outras iniciativas. “A día de hoxe xa tiña que estar moi avanzadas as obras do Centro de Asociacionismo, a residencia de maiores da ETEA ou as pistas de atletismo de Balaídos, pero o alcalde non quere que a Xunta invista na nosa cidade”, remachou.
Vivenda en Navia
Segundo explicou a delegada territorial, as principais inversións teñen como eixo a construción de vivenda, que volve a aumentar as súas partidas un ano máis. Así, o barrio vigués de Navia recibirá o vindeiro ano un total de 58,5M€ para vivenda de promoción pública (un 22% máis que en 2025) e outros 12,9M€ para solo residencial. Ademais, o Consorcio Casco Vello recibirá 1,7 millóns e a construción de aloxamentos compartidos outros 1,2 millóns.
“O Goberno galego mantén unha firme aposta por Vigo, que se traduce en que é, con máis de 74M€, a cidade na que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas investirá máis cartos en 2026”, apuntou. A delegada territorial tamén sinalou que no que vai de lexislatura “puxemos en marcha máis de 900 vivendas de promoción pública e xa desenvolvemos os ámbitos do Ofimático e Ramón Nieto”.
IES Domingo Villar
Tamén en Navia, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP inclúe unha partida de 10,9M€ para iniciar a construción do IES Domingo Villar. Tamén os CIFP Valentín Paz Andrade e CEIP Vicente Risco terán 1,4M€ e 1,5M€, respectivamente, e o CEIP Carballal-Cabral contará cunha inversión de 520.000 euros. As cifras para os centros de investigación da Universidade de Vigo e centros tecnolóxicos alcanzan os 14,8 millóns.
“Os investimentos da Xunta en infraestruturas educativas de Vigo chegarán ata os 22,7 millóns en varias anualidades, é a maior modernización do ensino, con mellores rateos, máis medidas de apoio ás familias, máis profesores a pesares da baixada do alumnado, máis atención ao alumnado con necesidades especiais e mellor condicións para o profesorado”, enumerou Ortiz.
Olimpia-Valencia en marcha e Emprego
Desde a Consellería de Sanidade tamén está a punto de rematar a posta en marcha do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, na rúa Lalín, que recibirá un impulso definitivo en 2026 con outros 1,4 millóns. Pola súa banda, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 21,7 millóns á promoción de emprego e outros 6,6 millóns a apoio ao emprendemento.
Gota de Leite, Meixoeiro e escolas infantís
Dentro das grandes cifras que manexa o Orzamento de 2026 da Xunta de Galicia destaca o de Política Social. O proxecto vigués da Gota de Leite contará con 2 millóns de euros, mentres que outros 4 millóns irán ao CRAPD do Meixoeiro e 7 millóns máis serán para as escolas infantís da cidade.
A Xunta tamén consigna 5,5 millóns para o vieiro entre Vigo e A Ramallosa e un millón de euros máis para as axudas aos clubs vigueses e para a pista de Atletismo de Balaídos, ademais de dar continuidade ao programa de bonos que xa supuxo un importante beneficio para a cidadanía viguesa. Así, as partidas xenéricas para toda Galicia inclúen un total de 5M€ para Bono Comercio e 3M€ máis para Bono Emancípate.
PRINCIPAIS INVESTIMENTOS PARA VIGO:
- Vivenda de Promoción Pública: 58,5M€
- Solo Residencial: 12,9M€
- Instituto Domingo Villar de Navia (18M€): 10,9M€
- Teatro Cine Fraga: 10,5M€
- Vieiro Vigo-Ramallosa: 5,5M€
- Centro Residencial Atención Persoas Dependentes: 4M€
- Urbanización PS1 ETEA: 4M€
- Túnel Porta do Sol / Elduayen: 1,5M€
- CEIP Vicente Risco:4M€
- CIFP Valentín Paz Andrade: 1,4M€
- CIS Olimpia Valencia: 1,4M€

