ORTIZ SUPERVISA O INICIO DAS OBRAS DE REFORZO DO FIRME EN TRES ESTRADAS AUTONÓMICAS CUN INVESTIMENTO DE 2M€
A delegada territorial da Xunta de Galicia na área de Vigo visitou a estrada PO-342 xunto á alcaldesa de Salvaterra de Miño
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, supervisou este luns xunto á alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, o inicio das obras de reforzo do firme na estrada PO-342.
Segundo explicou a representante autonómica, os traballos enmárcanse no investimento de 2 M€ por parte da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para tres estradas autonómicas que discorren pola comarca de Vigo. Este contrato, adxudicado á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., conta cun prazo de execución de 6 meses.
O obxectivo é levar a cabo unha renovación do firme para o mantemento e conservación de varios treitos dos viarios PO-402, PO-523 e PO-354, ao seu paso polos concellos da Guarda, As Neves, Mondariz, Oia, O Rosal, Pazos de Borbén, Ponteareas e Salvaterra de Miño.
As intervencións consistirán na rehabilitación de zonas de firme destas estradas mediante fresados localizados, selado de fisuras e renovación e homoxeneización da rodaxe para adecuar as necesidades funcionais e de durabilidade.
A maiores, inclúese tamén a reposición de marcas viarias nos treitos de actuación de todas as estradas, colocación de elementos de balizamento nestes tramos onde sexa preciso, a execución de elementos de seguridade viaria e a limpeza e reapertura de cunetas.
A Administración autonómica segue a traballar para manter as estradas da súa titularidade nas mellores condicións e para garantir a seguridade aos usuarios.

