A XUNTA E O CONCELLO DE NIGRÁN ACTIVAN UNHA LIÑA MUNICIPAL PARA CONECTAR DURANTE O VERÁN O PARQUE EMPRESARIAL DE PORTO DO MOLLE E AS PRAIAS DA ZONA

A delegada territorial, Ana Ortiz, anuncia o acordo para conectar Porto do Molle cos areais de Panxón e Praia América
Os novos servizos prestaranse nas fins de semana e festivos no marco do convenio de Servizos de Interese Municipal
A nova liña circular permitirá aos visitantes deixar o vehículo privado nun aparcadoiro gratuíto e completar os seus desprazamentos en transporte público

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, anunciou este mércores o acordo entre o Goberno galego e o Concello de Nigrán para asinar a addenda do convenio de colaboración e activar a partir do sábado, 5 de xullo, unha liña de autobús que reforzará o transporte público no municipio durante o verán. Así, os sábados, domingos e festivos dos meses de xullo e agosto habilitarase unha liña circular que conectará o parque empresarial Porto do Molle co centro de Nigrán e coas praias de Panxón e Praia América.

Segundo explicou a representante autonómica na súa comparecencia pública xunto ao alcalde de Nigrán, Juan González, a liña intégrase no convenio de Servizos de Interese Municipal (SIMU) formalizado en 2022 e que ten vixencia ata 2026. O custo xerado pola implantación dos novos servizos asúmeo o Concello, que incrementará a súa achega para o conxunto dos servizos do convenio en preto de 38.000 euros, ata máis de 126.000 euros ao ano.

A medida facilitará que as persoas que visiten Nigrán poidan deixar o vehículo privado no aparcadoiro gratuíto de Porto do Molle, situado preto do acceso á autoestrada AG-57, e moverse en transporte público tanto para ir ao centro do concello como ás praias. Estímase que máis de 2.400 persoas utilizarán esta liña nos dous meses nos que estará operativa.

A nova ruta ofrecerá 16 servizos diarios, que permiten viaxar tanto de ida como de volta, con saídas desde as 12,00 horas ata as 20,15 horas. Así, en xeral funcionarán dúas frecuencias cada hora e haberá tres servizos na franxa horaria entre as 19,00 horas e as 20,00 horas.

Esta liña, que reforza o transporte público no concello, habilítase logo da experiencia da pasada tempada estival, que permitiu optimizar o servizo atendendo as necesidades de mobilidade. Ademais da ampliación da oferta durante o verán, tamén se axustará o horario de volta dun dos servizos da liña Chandebrito-Nigrán-Priegue, xa que a expedición que sae de Priegue ás 15:05 horas se adiantará ás 14,15 horas. O obxectivo desta modificación é que este servizo chegue ao maior número de persoas usuarias posible.

As melloras incluiranse nas concesións que xa operan no marco do Plan de Transporte Público de Galicia, e contarán cos descontos e bonificacións activos en todo o transporte público autonómico. Deste xeito, os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, así como todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG grazas á Tarifa +65.

Reforzos de verán

A colaboración cos concellos complementa no ámbito municipal o reforzo previsto pola Xunta para este verán co obxectivo de darlle resposta ao incremento de desprazamentos na época estival a espazos naturais; festas, verbenas e festivais; ou a praias e parques acuáticos. Isto supón a activación desde o 1 de xullo de 22.000 servizos específicos nun total de 90 liñas.

Así, tamén se reforzan os autobuses na comarca no Salnés e a súa conexión con Pontevedra; os servizos nocturnos durante as fins de semana para poder desprazarse nos traxectos Marín-Pontevedra, Baiona-Vigo e o corredor O Grove-Sanxenxo-Pontevedra, e aqueles especialmente indicados para atender as demandas dos peregrinos. Ademais, actívanse reforzos en Cangas para conectar coas praias.

A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.