O PROGRAMA EBICI DA XUNTA XA CONCEDEU AXUDAS POR MÁIS DE 680.000 EUROS NA ÁREA DE VIGO NOS ÚLTIMOS TRES ANOS

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, lembra que está aberta a nova convocatoria, dotada con 1,7 millóns, para a compra de bicicletas novas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas
O prazo de usuarios estará aberto ata o 13 de novembro do 2026 ou ata que se esgote o crédito e as empresas interesadas en colaborar poderán seguir adheríndose a EBici ata finais de agosto do 2026

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, fixo balance este xoves dos resultados do programa EBici para a compra de bicicletas con pedaleo asistido, que acaba de abrir unha nova convocatoria ata novembro de 2026, e destacou o éxito da iniciativa que converte á área na zona con maior número de achegas aprobadas. En total, na comarca viguesa foron solicitadas 1.371 axudas desde que comezou a iniciativa en 2022, o que supón 681.518,2 do total de 2,7 millóns de euros co que contou a iniciativa estes tres anos.

Ana Ortiz xa anunciou o pasado ano que, ante a gran resposta da cidadanía, continuaría en marcha e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes confirmou o pasado mes de maio que se abre unha nova convocatoria. Así, as axudas poderán solicitarse ata o 13 de novembro do ano 2026 ou ata que se esgote o crédito en calquera dos establecementos asociados ao programa, que serán os encargados de presentar estas solicitudes para concluír a compra.

O importe destas subvencións parten do 50% do custo cun máximo de 500 euros con carácter xeral. As familias numerosas contarán cun 60% de desconto co máximo en 600 euros e no caso das familias numerosas de categoría especial ou as persoas con mobilidade reducida as axudas aumentan ata o 70% ou un máximo de 700 euros do custo da bicicleta ou dispositivo adaptado para cadeira de rodas.

Listaxe de establecementos

A listaxe de establecementos asociados pódese consultar a través da páxina web https://ebici.xunta.gal da Dirección Xeral de Mobilidade e irase actualizando segundo avance o programa, xa que compre recordar que o prazo dos establecementos para adherirse a EBici segue aberto, polo que poderán seguir sumándose ata o 31 de agosto do 2026. Poden adherirse calquera establecemento de Galicia que se dedique total ou parcialmente á venda de bicicletas e serán os encargados de presentar, de xeito electrónico, a solicitude de axuda para completar a compra. De momento, dende a apertura do prazo o 2 de maio, xa se sumaron máis de 80 entidades.

Tamén, as máis de 150 empresas que xa se asociaran na anterior convocatoria poden volver a acceder ao programa a través dunha solicitude simplificada dispoñible ata o 2 de xullo, aínda que se prefiren colaborar máis tarde poderán facelo a través do procedemento ordinario. Esta nova convocatoria estará dotada con 1,7 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades: 1 millón de euros en 2025 e 700.000 euros en 2026. Con esta iniciativa, preténdese contribuír a dinamizar o comercio local e estimular a economía dos pequenos establecementos.

Mobilizados arredor de 8 millóns de euros

Dende o seu inicio en 2022, o Goberno galego destinou preto de 2,7 millóns de euros a EBici cos que se logrou mobilizar arredor de 8 millóns de euros en total. Con esta nova convocatoria xa serán 4,4 millóns de euros os fondos destinados dende a Xunta.

O éxito do programa reflexouse nas 167 entidades colaboradoras e nas máis de 5.300 persoas beneficiadas por estas axudas, principalmente na contorna urbana, onde se concentra a meirande parte da poboación. Por provincias, a maioría das axudas concedidas corresponden a Pontevedra, con 2.870 e 1,4 millóns de euros asignados, seguida da Coruña, con 1.582 axudas e máis de 780.600 euros. En Ourense concedéronse 573 axudas que suman 285.100 euros e en Lugo 368, con case 181.000 euros.

En canto ás entidades adheridas ao programa, 69 sitúanse en Pontevedra, 61 na Coruña, 19 en Lugo e 18 en Ourense. Trátase de establecementos comerciais abertos ao público en Galicia que se dedican de xeito total ou parcial á venda de bicicletas con pedaleo asistido ou bicicletas de man eléctricas ou híbridas.