SETE COLEXIOS E 500 ALUMNOS DA ÁREA DE VIGO COÑECEN O PATRIMONIO DO CAMIÑO CO PROGRAMA “VEXO VEO XACOBEO”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e o director do CEIP Escultor Acuña, Juan Antonio Graña, acompañaron hoxe ao alumnado de etapa infantil na iniciativa educativa do colexio vigués

“Vexo, Veo Xacobeo” xa está presente nos centros escolares da área dentro do programa da celebración do Ano Santo 21-22 para promover o patrimonio e os valores do Camiño de Santiago

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este venres ao alumnado de Infantil e Primaria do CEIP Escultor Acuña de Vigo, onde participou na actividade do programa “Vexo, veo Xacobeo”. Xunto ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e o director do centro escolar, Juan Antonio Graña, interactuou na iniciativa posta en marcha para dar a coñecer os valores do Camiño de Santiago.

“Estamos ante unha excelente actividade para que os máis pequenos coñezan o noso patrimonio e para a posta en valor do Camiño de Santiago, que constitúe unha canle extraordinaria para o intercambio cultural entre o noso territorio e o resto de Europa, de xeito que permite promover no alumnado o interese e o respecto cara outras culturas recoñecendo ao mesmo tempo a riqueza dos seus signos de identidade”, explicou Fernández-Tapias.

No caso da área de Vigo, o programa lévase a cabo nun total de seis colexios (CEIP Escultor Acuña, CEIP Plurilingüe Don Bosco, CEIP Paraixal, CEIP Mosteiro-Bembrive, CEIP Plurilingüe Seis do Nadal, CEIP Sárdoma Moledo e CEIP As Solanas de A Guarda) e participan 490 alumnos e alumnas desde Infantil a 6º de Educación Primaria.

“Vexo, veo Xacobeo” naceu en 2021 para divulgar, sensibilizar e promover os Camiños de Santiago e do Xacobeo, a través do conto, a lectura e a teatralización. A delegada da Xunta destacou que a iniciativa pretende a recuperación do patrimonio inmaterial e achegar o intercambio cultural a través da tradición oral aos cativos.

O programa é unha iniciativa da Axencia de Turismo de Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través do Plan Proxecta +,  dirixido a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial.

Un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e medioambientais da sociedade actual e do futuro e poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.

Deste xeito proponse desenvolver o Programa “Vexo veo Xacobeo”, programa educativo multidisciplinar para achegar ao alumnado o significado e os valores do Camiño de Santiago e o Xacobeo e traballar, dende as primeiras etapas, estes conceptos que forman parte da súa contorna social e cultural.

Os demais centros participantes, ata un total de  58 con 3.339 alumnos de toda Galicia, están emprazados en diferentes concellos dos Camiños de Santiago: Camiño Francés, Camiño Fisterra–Muxía, Camiño do Norte, Camiño Mozárabe ou Ruta da Prata, Camiño de Inverno, Camiño Primitivo, Camiño Portugués, Camiño Inglés e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.