O titular do Goberno galego asistiu á toma de posesión do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa
RUEDA SUBLIÑA QUE O NOVO ESCENARIO ECONÓMICO, SOCIAL E AMBIENTAL DEMANDA RESPOSTAS TRANSFORMADORAS COMO AS QUE PODE ACHEGAR A UNIVERSIDADE
Recoñece en Manuel Reigosa un interlocutor dialogante e disposto, que coñece a Universidade de Vigo de portas cara dentro e sabe do seu potencial de portas cara fora, e con quen comparte o obxectivo de lograr unha Galicia próspera e talentosa
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que ante o novo escenario económico, social e ambiental no que nos atopamos é preciso artellar respostas transformadoras como as que pode achegar a Universidade.
Na súa intervención, afirmou que a Universidade é un espello no que debemos mirarnos e debe contribuír a formar mozos e mozas preparados para enfrontar a realidade actual. Neste sentido, cualificou de balance “máis que satisfactorio” as renovacións do mapa de titulacións e destacou que, de cara ao vindeiro curso, implantaranse 6 novas.
Rueda reiterou que no sistema investigador están moitas das claves do noso futuro, polo que apoialo é o mellor xeito de despexar as súas incógnitas e sacar proveito del. Para iso púxose en marcha o programa de centros de excelencia (Cigus), que xa se está a consolidar nunha rede de excelencia universitaria.
O presidente galego destacou que o sistema universitario galego funciona como un motor conectado á realidade que fai que Galicia avance con máis fortaleza e benestar. No caso concreto da Universidade de Vigo, púxoa de exemplo de conexión cunha cidade, cunha comunidade e cos seus desafíos, mantendo a excelencia e a xeración de talento. E destacou que lidera o número de solicitudes de patentes a nivel nacional e galego.
Rueda louvou ao reelixido reitor, Manuel Reigosa, ao que se referiu como “alguén que coñece a Universidade de Vigo de portas cara dentro, e sabe do seu potencial de portas cara fóra”. Tamén destacou del que sexa un interlocutor dialogante e disposto con quen comparte o obxectivo de acadar unha Galicia próspera e talentosa.
Reiterou que aposta por unhas universidades punteiras, suficientes e eficientes, como amosa a aprobación do Plan de Financiamento das Universidades públicas galegas máis ambicioso da historia para o período 2022-2026, dotado con 3.200 millóns de euros.