Sinala que os populares teñen a oportunidade de mellorar aínda máis o seu legado tendo ao seu alcance o reto da quinta maioría absoluta

RUEDA REIVINDICA A POLÍTICA QUE ESCOITA Á XENTE E QUE SE FAI EN EQUIPO: “CREO NUNHA GALICIA GRANDE QUE HAI QUE UNIR E NON SEPARAR”

Fronte aos que intentan apropiarse da voz dos vigueses mediante a confrontación, o insulto e a polémica; defende gobernar para todos con propostas e sempre coa man tendida

O candidato á Presidencia do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou unha política “en maiúsculas”, que se fai con humildade, en equipo e que escoita as opinións de todos para crear un proxecto común afastado da confrontación entre territorios: “Creo nunha Galicia grande que hai que unir e non separar”.

Deste modo se expresaba no acto de peche de campaña celebrado esta mañá en Vigo, onde salientou todo o traballo que os populares aínda teñen por diante, cun Goberno da Xunta que asumir, cun Congreso que celebrar, cunhas municipais por encarar, cun líder como Alberto Núñez Feijóo ao que axudar para levalo á Moncloa e cunha quinta maioría por conquistar.

Tras destacar a fortaleza demostrada polo PPdeG estas semanas, manifestou que os grandes partidos como o seu teñen tamén o deber de asumir grandes responsabilidades e retos. Nese senso, incidiu en que a organización ten a posibilidade de continuar con todo o feito nos últimos anos e aínda mellorar o seu legado.

Así mesmo, contrapuxo a forma de facer política dos populares coa da oposición, lamentando non poder contar cun PSdeG que sempre acaba elixindo o non, nin cun nacionalismo cuxa líder permanece sempre á contra e que, logo de 18 anos no Parlamento, pretende convencer á xente de que ela é o futuro por descubrir.

GOBERNAR PARA TODOS COA MAN TENDIDA

Acompañado pola presidenta do partido en Vigo, Marta Fernández-Tapias, Rueda remarcou a importancia de que os populares sexan a voz dos vigueses ante a un alcalde, Abel Caballero, que se inventa confrontacións e descualifica continuamente. Fronte aos insultos e as difamacións, aclarou que el sempre responderá con propostas e argumentos.

Nesta liña, precisou que a súa man está tendida, buscando gobernar para todo o mundo, tamén para os 300.000 vigueses cuxo rexedor cre que só el pode falar en nome da xente e que esta non ten dereito a facelo sen a súa autorización.

Como exemplo da situación que sofre a cidade, referiuse á innecesaria polémica dos pasados días en torno ao concerto da banda británica Muse, logo de que o alcalde se negase a que tivera lugar en Vigo. Segundo apuntou, a Xunta non podía consentir que este municipio fose a excepción e se quedara sen grandes concertos do Xacobeo polo sectarismo de Caballero, conseguindo finalmente que si se celebre nesta urbe.

Ademais, defendeu o compromiso do Executivo galego coa cidade olívica, pois é a administración que máis investiu en Vigo. Mostra disto é a rehabilitación da Cidade da Xustiza, o hospital de referencia nacional como o Álvaro Cunqueiro e os novos centros de saúde como o de Bouzas e o Olimpia Valencia, as 1.600 vivendas públicas de Navia -que o Concello non deixa de obstaculizar-, a intermodal, o Campus do Mar da ETEA, as ampliacións de IFEVI ou o novo albergue do Berbés.