RUEDA PON EN VALOR A EXPERIENCIA, O COMPROMISO E A DEDICACIÓN DOS NOVOS DELEGADOS TERRITORIAIS DA XUNTA EN PONTEVEDRA E VIGO

Empraza a Agustín Reguera e Ana Ortiz a seguir mantendo intactos estes valores nas novas responsabilidades como representantes dunha Xunta “de todos os galegos, de todas as institucións, de todos os colectivos e de todas as cores”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá as tomas de posesión do novo delegado territorial de Pontevedra, Agustín Reguera, e da representante do Goberno autonómico en Vigo, Ana Ortiz. Durante a súa intervención, o titular do Executivo galego resaltou a experiencia, o compromiso e a dedicación dos novos delegados e agradeceu a entrega no desenvolvemento deste traballo dos seus predecesores, Luis López e Marta Fernández-Tapias, respectivamente.

Rueda lembrou que o modelo de delegados territoriais implantado en 2009 pola Xunta “é un modelo eficaz” que foi imitado por outras comunidades autónomas. Por iso, remarcou que “a primeira misión” que teñen os novos delegados é “manter esa relación institucional como representantes da Xunta” nas súas respectivas áreas e traballar para todos os cidadáns. “Falar da Xunta é falar da Xunta de todos os galegos, de todas as institucións, de todos os colectivos e de todas as cores”, aseverou.

Rueda instou os novos delegados a seguir mantendo intactos o compromiso, humildade e bo talante que lles caracterizou nas súas responsabilidades anteriores para continuar a traballar sempre co único obxectivo de facer avanzar Galicia e buscar o mellor para os galegos e galegas. Nesta liña, salientou o carácter “dialogante e conciliador” así como o “rigor e coñecemento“ de Agustín Reguera, mentres que de Ana Ortiz destacou a súa “experiencia” e o seu grao de coñecemento do funcionamento das administracións en  Galicia, á vez que enxalzou a súa alta “capacidade de traballo”.